XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba os plans parciais dos solos 16 e 17 de Aríns, con capacidade para máis de 2.000 vivendas

14/08/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou inicialmente os plans parciais do SUD-16 de Agra dos Campos e do SUD-17 de Monte do Gozo, ambos na parroquia de Aríns. Estes plans parciais, formulados por iniciativa particular, desenvolven dous sectores que poderían dar cabida a máis de 2.000 vivendas.

Respecto ao SUD-16 de Agra dos Campos, a vicevoceira da Xunta de Goberno, María Castelao, explicou que o plan supón actuar sobre unha superficie total de 442.882 metros cadrados e unha superficie edificable de 177.153 metros cadrados, cos seguintes usos: residencial, cun máximo de 1.096 vivendas colectivas, 365 de carácter unifamiliar e 334 de protección pública; uso terciario (17.000 metros cadrados) e dotacional privado (2.000 metros cadrados). O desenvolvemento do fará efectiva a cesión ao Concello dunha superficie de 31.208 metros cadrados. Fíxase como sistema de actuación o de compensación.

Ao seu carón, no SUD-17 de Monte do Gozo, actúase sobre unha superficie total de 138.859 metros cadrados e unha superficie edificable de 48.601 metros cadrados, cos seguintes usos: residencial, cun máximo de 264 vivendas colectivas, 124 de carácter unifamiliar, e 104 de protección pública, uso terciario (1.280 metros cadrados) e dotacional privado (500 metros cadrados).

Seguindo co urbanismo, acordouse a posta a disposición do Concello dos espazos destinados a viario público que dan servizo ás vivendas construídas na denominada fase 1 do 1º sector do SUNP-31 de San Marcos. Esta disposición non implica a recepción parcial nin total das obras de urbanización. Finalmente, acordouse conceder licenza de obra e apertura para unha unidade de subministro de combustible na avenida do Cruceiro da Coruña, 228.

Medio rural
Na sesión tamén se aprobou o proxecto modificado de mellora e acondicionamento de vieiros nas parroquias de Cesar, Berdía, A Barciela e San Caetano. O cambio redactouse co fin de substituír un tramo de vía pública en San Caetano por outro de iguais características e importe na mesma parroquia.

O tramo que se substitúe foi obxecto dunha intervención urxente como consecuencia das choivas caídas entre finais do 2012 e principios do 2013, o que obrigou a adiantar a súa reparación. Mantéñense os demais tramos incluídos no proxecto primitivo presentado con cargo ao POS 2013, con iguais características e importes aos previstos.

Parque móbil
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a apertura do expediente de contratación do subministro de varios vehículos e o seu mantemento (mediante renting) para o Concello de Santiago: 1 berlina, 3 turismos medios e 4 turismos mixtos. O tipo de licitación é de 151.728 euros + IVE por un período de 48 meses.

Documentos relacionados



Compartir: