ECONOMÍA

Compromiso municipal cos emprendedores da cidade aumentando as axudas a novas empresas ata os 160.000 euros

13/08/2013 A concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou as novas liñas de axudas a emprendedores do Concello de Santiago. Dedicaranse 160.000 euros a apoiar a creación e desenvolvemento de novas empresas na cidade, a maior cifra que se ten destinado a este capítulo por parte do Concello. Segundo destacou Reyes Leis, esta cifra, nun momento de recortes na Administración, é unha mostra do compromiso do Goberno municipal co emprendemento coma un dos principais xeitos de dinamizar economicamente Santiago e fomentar a creación de emprego.

O programa Santiago Investors Support, do Departamento de Economía, comezou unha nova liña de axudas a emprendedores, cun orzamento de 100.000 euros. O Santiago Investors Support naceu no segundo semestre do 2011 como un programa vertebrador de todas as accións que se desenvolvían dende a Área de Economía do Concello co obxecto de dinamizar a vida empresarial da cidade. A presentación da nova liña de axudas a emprendedores é un paso máis na consolidación do programa e tamén representa a importancia que ten para o goberno municipal o fomento da cultura emprendedora como unha das principais vías para poder superar a situación económica actual.

O programa de axudas modifica substancialmente o anterior programa do Concello, o Compostela Activa, que celebrou a súa última edición no ano 2011 e que dedicou 60.000 euros a axudas a emprendedores. Así, o incremento que se produce na cifra total é de 40.000 euros. Pero, ademais do maior orzamento, a nova liña de axudas introduce diferenzas importantes.

No Compostela Activa só se subvencionaban: existencias iniciais de mercadorías, custes de arrendamento de locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes e gastos de constitución da sociedade, e o importe máximo da axuda por empresa era de 3.000 euros.

No Santiago Investors Support amplíase o máximo de axuda por empresa ata 5.000 euros e tamén o abano de capítulos subvencionables, que son: custo de persoal contratado por conta allea, cotas autónomos do empresario individual e socios e cotas das mutuas dos colexios profesionais; compras de mercadorías, materias primas e outros aprivisionamentos; gastos de investigación e desenvolvemento; arrendamentos e canons; reparacións e conservacións; servizos profesionais independentes; transportes; primas de seguros; publicidade, propaganda e relacións públicas; subministros; gastos de formalización de constitución da sociedade.

Para a concesión das axudas estudarase o proxecto empresarial, no que se valorará especialmente a contribución da idea empresarial ao desenvolvemento de sectores estratéxicos da economía de Santiago, como as industrias creativas, novos produtos turísticos, prestacións de servizos para mellorar a calidade de vida dos cidadáns ou actividades baseadas na explotación comercial de resultados de proxectos de investigación da USC. Ademais, tamén se valorará dun xeito importante a creación de postos de traballo realizados pola empresa.

Poderán percibir as axudas as persoas físicas ou xurídicas que comezaran a súa actividade entre o 1 de xuño de 2011 e o 31 de xullo de 2013. O prazo de solicitude das axudas abriuse o pasado día 10 de agosto, coa publicación da convocatoria no boletín oficial provincial, e rematará o próximo 10 de setembro.

Urbana Santiago Norte
Ademais da liña xenérica do Santiago Investors Support, este ano o Concello abre tamén unha nova liña de axudas para emprendedores dentro do Urbana Santiago Norte, dirixida especificamente ao ámbito de actuación deste programa, que comprende os barrios de Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros, Belvís e Quiroga Palacios.

Esta convocatoria de axudas está aberta tanto a emprendedores que comezaran o seu proxecto empresarial entre o 1 de xuño de 2012 e o 31 de xullo de 2013, como aquelas empresas xa creadas anteriormente, pero que neste período desenvolveran novas liñas de negocio ou implantaran novas ferramentas de xestión empresarial.

Os criterios de concesión das axudas serán similares aos do programa Santiago Investors Support, dando especial importancia na valoración das solicitudes á contribución ao desenvolvemento económico da zona e á creación de emprego. O prazo de solicitude das axudas abriuse o pasado día 10 de agosto, coa publicación da convocatoria no boletín oficial provincial, e rematará o próximo 20 de setembro.

As persoas interesadas en recibir máis información das axudas, tanto das correspondentes ao programa Santiago Investors Support como ao Urbana Santiago Norte, poden poñerse en contacto co departamento de economía do Concello, ubicado no edificio municipal Cersia, no teléfono 981 542 493, ou consultar a web www.cersiaempresa.org.

Compartir: