CULTURA

Damien Jurado, unha das figuras máis relevantes do folk-rock americano, en setembro dentro do ciclo Íntimo & Acústico

12/08/2013 Setembro comezará cunha importante cita musical no Teatro Principal dentro do ciclo Íntimo & Acústico. Damien Jurado unha das figuras máis relevantes do folk-rock americano, ofrecerá un concerto o mércores 4 de setembro, ás 21.00 horas. Contará con William Tyler como artista convidado.

Falar de Damien Jurado é facelo dunha das figuras máis relevantes do folk-rock americano no que levamos de século. Con tótems coma Neil Young ou Nick Drake como referentes, foi gañando seguidores no noso país disco tras disco para descolgarse da etiqueta de artista de culto, gozando hoxe en día dunha reputación e dun interese por parte de crítica é público que non deixa de aumentar.

Nos últimos anos iniciou unha relación profesional co produtor Richard Swift, rexistrando xunto a el os seus mellores traballos ata a data, Saint Bartlett, no 2010 e Maraqopa, no 2012, no que robustece a amplía o seu espectro sonoro. Son estes os seus traballos máis ricos en matices, con cancións máis atmosféricas, e desenvolvementos próximos á psicodelia que se intercalan con composicións máis pausadas onde se basta da calidez da súa voz e unha guitarra para emocionarnos.

Como preludio á súa actuación no Teatro Principal contaremos coa presenza do talentoso guitarrista William Tyler, que estará presentando as cancións que compoñen o seu segundo disco en solitario, Impossible truth. Este músico de Nashville también é coñecido por ser membro de lendarias bandas coma Lambchop ou Silver Jews, ou mesmo acompañando a figuras do alt-country coma Bonnie Prince Billy.

Baixo a vide
O concerto de Damien Jurado está encadrado no ciclo Baixo a vide. Concertos con denominación de orixe, unha proposta que une a música máis actual e a cultura vinícola galega.

Nesta ocasión, o ciclo contará coa presenza e colaboración da adega Joaquín Rebolledo, un dos mellores expoñentes da D.O. Valdeorras, da que teremos ocasión de gozar dunha degustación das súas referencias.

Compartir: