OBRAS

Máis de 200.000 euros para obras en calzadas e espazos públicos de Guadalupe

12/08/2013 O Concello vai acometer nas vindeiras semanas varias obras no barrio de Guadalupe, cun investimento previsto de 201.783 euros. Así o anunciou en rolda de prensa o concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, acompañado da presidente da Asociación de Veciños de Guadalupe, Isolina Barreiro.

Entre as obras previstas, en breve comezará a de colocación de céspede transitable nas rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro, unha vez modificado o proxecto para dar cabida a máis vehículos. Tamén nos últimos trámites de contratación está a reforma da pista polideportiva do parque Pablo Iglesias. Ademais de arranxar a superficie da pista e de colocar equipamento para a práctica deportiva, esta quedará acondicionada para que alí se poidan desenvolver outras actividades ao aire libre.

Ademais, acometeranse obras de mellora nas calzadas dos seguintes vieiros: pista baixa do camiño de Guadalupe; pista do campiño de Guadalupe; cruce do campiño con Cima da Eira, Cima da Eira, pista cara Chan de Curros e acceso a Chan de Curros.

Estas actuacións son as primeiras dunha intervención integral que o Concello pretende realizar neste barrio, que segundo Juan de la Fuente, "é o barrio que en peor estado estaba, xunto co de Viso". Así, anunciou para 2014 e 2015 novas actuacións neste barrio na medida das dispoñibilidades orzamentarias. A propósito destas obras pendentes, a presidente da asociación veciñal referiuse á necesidade de melloras en zonas como a rúa Blanco Amor ou no entorno do centro de saúde, entre outras.

Obras en San Pedro
O concelleiro aproveitou tamén a rolda de prensa para anunciar que xa está listo o modificado do proxecto das obras da rúa de San Pedro. Finalmente, este cambio suporá un custo a maiores de 37.734 euros. A obra adxudicarase nos vindeiros días.

Compartir: