VÍAS E OBRAS

O Concello rozou 38.000 metros de maleza nos barrios urbanos e suburbanos neste 2013

09/08/2013 O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, indicou que, no que vai de 2013, se acometeu a roza de 38.800 metros lineais de maleza nos barrios urbanos e suburbanos de Santiago. Os traballos foron especialmente intensos en zonas como as de Meixonfrío, onde se rozaron 9.170 metros.

Outros sectores nos que se realizaron traballos de roza foron Amio (3.600 metros), Sar (3.080 metros), Conxo (1.200 metros), Vidán (5.250 metros), Rueiro (2.900 metros), San Xoán de Fecha (5.600 metros) ou Enfesta (1.400 metros). Tamén se actuou significativamente en lugares como a avenida de Asturias, o polígono do Tambre, Volta do Castro, Viso, San Lázaro ou Castiñeiriño, entre outros. A Brigada de Vías e Obras continuará cos traballos de roza ata completar uns 60.000 metros liñais.

Juan de la Fuente aproveitou a rolda de prensa para lembrar que nestes intres se está a executar igualmente a limpeza de maleza en fincas, para previr o risco de incendios. Ademais, esta semana comezarán as rozas no rural, onde tamén se realizarán tarefas de reparación da calzada das pistas rurais naqueles puntos a onde non puido chegar a propia Brigada.

Compartir: