TRANSPORTE

Novos horarios de verán no transporte urbano

26/06/2006 O vindeiro 1 de xullo entrarán en vigor os horarios verán no servizo de transporte urbano. En xeral, mantense a mesma liña de reducións que en anos anteriores, pero con algunhas novidades que melloran o servizo aos cidadáns.

As frecuencias á Peregrina e a Grixoa non se verán reducidas como en anos anteriores, e esta data coincide ademais co comezo dun novo operador neste corredor, como é a empresa AUCASA. Con esta empresa chegouse a un acordo que pon fin aos distintos litixios cos que contaba o Concello en diversos corredores que afectaban ao servizo de transporte urbano das zonas de Villestro, Aríns e a Peregrina – Grixoa.

A liña 13 (Polígono do Tambre–Guadalupe–Casas Novas) tampouco verá diminuídas a súas frecuencias, debido principalmente ao crecemento que se está a experimentar a zona de Salgueiriños. Ademais, a liña 6 (San Lázaro–Os Tilos) contará con autobuses de reforzo que garantirán a máxima fiabilidade posible.

Nesta edición de folletos, aparecerán nos horarios por primeira vez todos os servizos que compoñen a rede de transporte urbano, unha vez legalizados, tralos distintos acordos asinados entre o Concello e os operadores Transportes Mosquera (liña 7: San Roque–Aríns), Hermanos Ferrín (liña de San Roque–Villestro) e Aucasa (Porta do Camiño–Peregrina–Grixoa).

Para coñecer toda a información pódese consultar a páxina web de TUSSA. Ademais editaranse 15.000 folletos informativos que estarán a disposición dos usuarios a partir desta mesma semana. Así mesmo, a empresa operadora Tralusa ten á disposición dos usuarios o teléfono 901 120 054 os 365 días do ano no horario de funcionamento do servizo, no que se informa de horarios, rutas e tempo estimado de espera nunha parada determinada.

Compartir: