XUVENTUDE

Os participantes no campamento de verán do Centro Don Bosco visitaron a Casa da Troia

08/08/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, e o presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, Benigno Amor, participaron na visita guiada que os nenos e nenas do campamento de verán do Centro Don Bosco realizan a esta casa museo, organizada polo Concello.

O Concello colabora con este campamento organizando saídas a exposicións como esta da Casa da Troia ou a do Orinoco, na Cidade da Cultura, e financiando os autobuses das excursións a Cerceda, O Grove ou A Coruña.

Cómpre lembrar que a Casa da Troia ten abertas as súas portas durante todo o verán, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas, e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas. O venres amplía o seu horario vespertino ata as 22 horas. O centro permanece pechado os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.

A Casa da Troia é un museo romántico que recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos.

Na planta baixa está a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o antigo salón-comedor, tamén habilitado como lugar de estudo. No segundo piso están os dormitorios, e no ático a cociña. A casa está ambientada con mobles e útiles da época. A maior parte do mobiliario foi adquirido polo fundador do museo, Benigno Amor Rodríguez, á familia de Jacobo Gil Villanueva, reitor da Universidade de Santiago a finais do século XIX.

O museo dispón dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela La Casa de la Troya, así como de publicacións de autores relacionados coa obra de Pérez Lugín como Valle-Inclán, Camilo Bargiela, Manuel Casás, Enrique Labarta, etc., e outras de temática compostelá

Compartir: