OBRAS

As obras da rúa de San Pedro incluirán a substitución das redes de abastecemento de auga e de telecomunicacións

07/08/2013 O Concello, a través dunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno, autorizou a redacción dun proxecto modificado das obras de reurbanización da rúa de San Pedro. Este cambio ten por obxecto a substitución das redes de abastecemento de auga e telecomunicacións, pois o comezo das obras revelou que estas presentan un deterioro que fai imposible a súa reutilización. Esta modificación non altera as condicións esenciais da licitación nin os prazos previstos.

O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, deu conta desta modificación, necesaria á vista das catas e comprobacións realizadas no inicio das obras da rúa de San Pedro. Así, constatouse que, no caso do abastecemento, a rede foi executada no seu día a escasa profundidade (40-45 cm), non cumprindo profundidades mínimas e quedando parcialmente embebida no formigón da lousa preexistente. Isto supón graves dificultades para as tarefas de demolición, xa que resulta case imposible liberar a canalización sen piques ou roturas. De feito, o 17 de xullo foi necesaria a actuación da empresa Aquagest para o arranxo dunha rotura debida aos traballos e dificultades citados.

Esta situación e máis gravosa no caso das pezas especiais como bridas e acometidas, as cales, ao estar aínda máis superficiais, quedan totalmente embebidas en formigón, coa conseguinte imposibilidade de mantemento tras a demolición. Consultada a situación cos propios técnicos da empresa adxudicataria, se ben se están analizando nestes momentos as posibles solucións, todo apunta a que será necesario eliminar a rede actual e executar nova rede á profundidade adecuada. En caso contrario, a obra podería verse abocada a continuos retrasos por roturas da rede nos traballos de demolición e sen garantías de que o estado final da rede sexa o adecuado para manter o servizo.

En canto ao saneamento, apareceu unha galería non documentada por Aquagest nin polos servizos de arqueoloxía, o que obrigará a efectuar os traballos de inventariado da mesma durante a obra, o que pode supor algún retraso.

Na rede de electricidade, constatouse que o cruce no tramo superior da rúa ten parte dos tubos a moi pouca profundidade (non cumpre profundidades mínimas), o que pode orixinar problemas coa empresa distribuidora, xa que será necesario eliminalos (en todo caso son tubos baleiros; os tubos con cabreado están a cota inferior).

No caso da rede de telecomunicacións, a rede foi tamén executada a profundidades moi escasas (30-40 cm), non cumprindo profundidades mínimas e quedando parcialmente embebida no formigón da lousa preexistente. Igual que acontece do abastecemento, esta situación non permite a reutilización da rede como estaba previsto, o que implicará colocar unha nova rede.

Finalmente, en canto á rede de gas, non apareceu ata principios da segunda semana de traballo o cruce da rede de gas na zona próxima á praza 8 de marzo. A causa do retraso en localizar esta rede (cuxa localización previa resulta de vital importancia pola súa perigosidade, é que non só a documentación facilitada pola empresa non se corresponde coa realidade, senón que as indicacións e marcaxes in situ efectuados polos propios técnicos da empresa tampouco. Se ben a profundidade da rede lonxitudinal xeral parece cumprir cos mínimos (80-90 cm), o cruce localizado está executado a menor profundidade, atravesando a galería mediante tubo envainado de aceiro que queda embebido no formigón da lousa preexistente, o que de novo supón graves dificultades nos labores de demolición. Ademais, descubríronse acometidas de gas, observando que as mesmas están tamén embebidas en formigón. Sería conveniente coordinar coa empresa o reaxuste das mesmas de xeito que na disposición final non queden embebidas na nova lousa.

Modificacións
Por todo isto e tras a análise da situación en coordinación coas propias compañías de servizos, os técnicos municipais estiman que resulta necesaria a modificación do proxecto orixinal para acometer a substitución das redes de abastecemento de auga e telecomunicacións, por non ser posible o seu mantemento e reutilización.

Ao tratarse dunha reurbanización nunha das rúas principais da cidade, con gran afluencia de tráfico peonil e rodado e punto de entrada do Camiño Francés, resulta especialmente importante a celeridade na execución das obras para minimizar a afección sobre a rúa, sobre os veciños, sobre o turismo vinculado ao Camiño e sobre os tráficos. Neste sentido, é fundamental aproveitar a temporada estival (presumiblemente libre de choivas) para unha correcta execución dos traballos, especialmente os iniciais de colocación de infraestruturas e preparación de explanadas e bases, cuxa correcta execución resulta fundamental para asegurar o correcto funcionamento dos pavimentos previstos (especialmente no caso da calzada de lastros).

Así, as modificacións construtivas a realizar son: substitución do detalle de sumidoiro lineal de formigón in situ por sumidoiros puntuais prefabricados, eliminando así complexidade en armados, encofrados e vertidos da lousa de formigón; axuste dos despeces da pedra de beirarrúas, facilitando os cortes; e asociación de baixantes de pluviais minimizando o número de entronques directos á parede da galería de saneamento.

Tamén se propón unha serie de axustes ou melloras ao proxecto orixinal, como a reconfiguración das acometidas de gas, evitando que estas queden na situación actual descuberta (embebidas en ángulo no formigón da lousa); substitución do acabado de formigón das zonas de carga e descarga, aparcamento e parada de bus por acabado na mesma pedra das beirarrúas.

Estas medidas, unidas ao feito de que a substitución da rede de abastecemento e telecomunicacións permiten aforros de tempo nos labores de demolición, supoñen aforros de tempos de execución que permiten o mantemento dos prazos previstos.

A falta de que se redacte este proxecto modificado, estímase que os cambios suporán un incremento de en torno ao 8-9% do orzamento de adxudicación inicial. Non se engaden prestacións complementarias ás inicialmente contratadas, nin se amplía o obxecto do contrato, nin se alteran as condicións esenciais da licitación. En calquera caso, as obras continuarán mentres se tramita o expediente de modificación.

Compartir: