CULTURA

Todo listo para "Verán na rúa"

02/08/2013 En agosto e na primeira quincena de setembro, as rúas e prazas de Compostela encheranse coa cor dunha programación que inclúe propostas diferentes. Trátase de Verán na rúa, unha variada oferta da que poderá gozar especialmente o público infantil e familiar, que solo terá que coller un bo lugar para ver os diferentes espectáculos gratuítos, que tomarán de novo as rúas do casco histórico de Compostela de luns a venres. Unha refrescante oferta cultural que comezará o martes 6 de agosto.

O martes 6, a compañía Kanbaiota traerá o circo á praza da Quintana, nun espectáculo para todos os públicos que en caso de mal tempo se realizará no Teatro Principal. Serán dous pases, ás 19:30 e 22:00 horas, para un show de 50 minutos con elementos realmente novidosos e espectaculares: aéreos, portes coreanos, mastro chinés, aro cyr, portes, clown... Tres personaxes que, en clave de humor, terán que sacar a función a bo termo superando infinidade de problemas. Un espectáculo realmente completo que garante unha tarde de emocións, asombro, humor e risas para todas as idades.

Ao día seguinte, mércores 7, Fantoches Baj achegarán humor en clown a Verán na rúa. O Parque da Alamenda (18:30, 19:00, 19:30 e 20:00 horas), encherase de cabezudos motorizados, Velocíclopes de aparencia ambigua (poden verse como zapatos xigantes, cíclopes, automóbiles...). As múltiples posibilidades que ofrece a motorización dos cabezudos, manipulados por personaxes clownescos, fai que nos atopemos diante dun espectáculo sorprendente, áxil e de grande interrelación co público. Velocíclopes é un espectáculo conformado por varios sketchs: "O propietario", "Ser ou non ser" e "Os bos modais", onde a través da utilización dunha linguaxe plástica surrealista amósase o absurdo do comportamento humano en situacións propias da vida cotiá (a furia que aparece cando nos poñemos ao volante, o sentido da propiedade, a importancia de aparentar socialmente...).

O xoves 8, Circo Chosco ofrecerá un programa de circo para nenos a partir de 3 anos na praza da Quintana, Chosco!, ás 19:30 horas, con cambio de ubicación en caso de mal tempo ao Teatro Principal. Dous personaxes, dous problemas, dous caraduras, disparates máis que persoas. Realizarán un espectáculo cheo de trampas, golpes, maxia, fracasos, éxitos, bágoas e risas e, sobre todo, risas e moito circo. Chosco! é un espectáculo case sen fala e para todo tipo de público, mestura de comedia e circo, que ten como resultado unha obra cómica con acrobacia, malabar e técnicas de portes e equilibrios nas que o público se unirá aos artistas: na emoción e na risa!

Os títeres chegarán o venres 9 da man de Manu Mansilla: Títeres a cielo abierto, para nenos a partir de 4 anos, ás 19:30 horas, na praza de San Martiño Pinario, tamén con cambio de escenario en caso mal tempo ao Teatro Principal. Un monstro do centro da terra parece un terrorífico ser. Pero rapidamente descubrirase que Benigno Escalante é un sociable e tenro monstro alaranxado. Un cuadrilleiro chamado Perigo ven decidido a conquistar o mundo e busca entre o público aos seus novos secuaces. Conseguirá atopar tres nenos malvados que o axuden a concretar o seu maléfico plan? Ou será máis forte o desexo de conservar e protexer o noso planeta e os seres que viven nel? Hai monicreques que nacen séndoo e hai monicreques que van descubrindo o que son co paso do tempo. Manu e o seu monicreque Luís intentan poñerse de acordo sobre quen manda, un conflito clásico. Manu enfurecido formúlalle a Luís unha verdade: "ti es un monicreque". Todo cambia cando Luís decide marchar.

Direcciones relacionadas



Compartir: