BENESTAR SOCIAL

Entrega de diplomas aos participantes no curso de auxiliar de almacén organizado pola Concellería de Benestar Social

02/08/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, clausurou e entregou os diplomas do curso de auxiliar de almacén que se veu realizando no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns. Este curso está incluído dentro dos programas de prevención de drogodependencias financiados polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Hoxe en día existe un pequeno número de mozos e mozas que non se senten cómodos dentro do noso sistema educativo e alcanzan os 16 anos de idade cunha idea prefixada de antemán: abandonar os estudos. O que descoñecen estes mozos é que si que teñen capacidades e que o sistema educativo ten recursos para eles. Dende a Concellería de Benestar Social enténdese que o que precisan estes mozos e mozas é unha inxección de moral e de autoestima, e facerlles ver que poden seguir formándose.

Para estes mozos e mozas que queren prepararse para acceder ao mercado laboral, a Concellería, a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodepentes (UMAD), quixo axudalos con este curso de formación intensivo de auxiliares de almacén, de 170 horas (140 teóricas e 30 de prácticas en empresas). O curso iniciouse o 1 de xullo e rematou este 2 de agosto. As prácticas realizaranse no mes de setembro.

Participaron nestas sesións 14 persoas, que recibiron os seus certificados de asistencia de mans da concelleira de Benestar Social, María Castelao. Dos que iniciaron o curso, oito lograron resultado positivo nos probas de coñecementos e prácticas que se fixeron. Agora realizarán a última parte do curso, as prácticas en empresas, con posibilidades para algúns deles de asinar un contrato laboral.

O curso tivo un custo de 9.400 euros, dos que o Concello achegou 2.820 euros. Estas accións son financiadas nun 70% cunha subvención do Ministerio de Sanidade, procedentes dos bens incautados por tráfico de drogas e outro delitos relacionados.

Compartir: