TURISMO

Santiago adhírese á Green Pilgrimage Network, rede para a protección do medio ambiente de rutas e cidades de peregrinación

01/08/2013 Santiago de Compostela é xa socio da Green Pligrimage Network, unha rede internacional para a protección medioambiental das rutas e cidades de peregrinación. A adhesión de Santiago produciuse durante a celebración do segundo encontro internacional desta rede, que se celebrou entre o 26 e o 29 de xullo na cidade de Trondheim, en Noruega. Aproveitando a celebración deste encontro, tamén se celebrou na cidade norueguesa unha reunión do Proxecto Certo para a promoción conxunta do Camiño de Santiago, a Ruta de San Olav, que remata precisamente en Trondheim, e a Vía Francíxena.

A Green Pilgrimage Network naceu nun evento celebrado en 2011 en Assisi, Italia, e contou coa presenza do secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon. Actualmente, conta con 28 membros, entre os que hai representantes de Europa, Asia, América e África, e de diferentes relixións. No segundo encontro internacional da rede que se celebrou estes días en Trondheim asistiron noventa personalidades convidadas de China, Xapón, India, Palestina, Israel, México, Nixeria, Armenia e multitude de lugares de peregrinación de Europa. Cabe destacar a pertinencia desta adhesión no ano previo ao aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís, patrón da Ecoloxía.

Con esta adhesión, Santiago pasa a formar parte dunha rede global de cidades de peregrinación e lugares sagrados de todo o mundo que queren ser modelos de protección do medio ambiente. Os membros da Green Pilgrimage Network comparten a visión de peregrinos de todas as relixións e de todos os continentes, e das cidades que os reciben, converténdose en modelos de protección do medio ambiente, que deixan unha pegada positiva sobre a terra.

Unha pegada positiva require que os peregrinos deixen o lugar mellor do que estaba cando chegaron. Nun primeiro nivel pode consistir en cousas sinxelas como ocuparse da propia basura xerada, escoller axencias de viaxes con un comportamento sustentable, comer produtos locais e orgánicos, comprar souvenirs procedentes unicamente de fontes sustentables, facer a peregrinación camiñando mellor que en vehículo.

Nun nivel máis ambicioso pode consistir en participar en programas sociais e de protección do medio ambiente durante a peregrinación, financiar programas para mellorar o medio ambiente e a biodiversidade das cidades de peregrinación, compartir ideas e inspiración con outros peregrinos e residentes, regresar ao fogar cun maior sentido da importancia do medio ambiente e participar activamente na protección medioambiental da cidade propia.

Tanto os membros da Green Pilgrimage Network como o propio Concello de Trondheim amosaron o seu pesar polas vítimas do accidente do pasado 24 de xullo ocorrido en Santiago. O encontro comezou o día 26 prendendo dúas velas na súa memoria e na memoria das vítimas das inundacións de Uttarakhand do pasado mes de xuño. Ademais, colocouse unha coroa de flores na figura do Apóstolo Santiago que hai na Catedral de Trondheim. Reyes Leis agradeceu en nome de todos os composteláns estas demostracións de afecto.

Proxecto Certo
Aproveitando a reunión da Green Pilgrimage Network, Trondheim tamén acolleu unha xuntanza do Proxecto Certo. Na reunión informouse de que xa se están comercializando en Italia as "tour boxes" coas tres rutas, paquetes turísticos que permiten facer as rutas de peregrinación, centrándose na gastronomía dos lugares. Tamén se informou dos resultados das feiras nas que se participou conxuntamente: Fitur, BIT de Milán e ITB de Berlín, e se confirmou que se fará tamén unha presentación na Feira TTG de Rimini en outubro.

Os membros do Proxecto tamén acordaron a edición de folletos baseados en produtos emblemáticos de cada ruta, especialmente de artesanía e gastronomía, que se distribuirán en feiras profesionais. Por parte de Santiago, ademais de toda a información relativa ao Camiño de Santiago, incluiranse catro produtos gastronómicos representativos de Galicia: Viño DO Rías Baixas, Queixo DO Arzúa Ulloa, Mexillón de Galicia e a Tarta de Santiago. Respecto a artesanía, serán sobre o acibeche en Santiago e a Cerámica de Sargadelos.

Na reunión do Proxecto Certo tamén se fixo unha degustación de produtos gastronómicos representativos de cada unha das rutas de peregrinación. No caso do Camiño de Santiago degustouse Queixo DO Arzúa Ulloa, Mexillón de Galicia e Tarta de Santiago.

Compartir: