FESTAS

Os concertos de Raphael e Primal Scream celebraranse os días 4 e 6 de setembro

01/08/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, deu conta en rolda de prensa das novas datas dos dous concertos de pago, incluídos nas Festas do Apóstolo, e aprazados con motivo do accidente ferroviario de Angrois. Así, as actuacións de Raphael e Primal Scream celebraranse os días 4 e 6 de setembro, respectivamente, no lugar inicialmente previsto, a praza da Quintana. A estas actuacións sumarase o 5 de setembro o concerto gratuíto de Soraya.

Francisco Noya apuntou que Raphael e Primal Scream entenderon perfectamente o motivo da suspensión e, dende un primeiro momento, amosaron a máxima dispoñibilidade a buscar outras datas para os concertos. O edil quixo recalcou que non tiña sentido repetir as Festas, pero si recuperar estes dous concertos, por catro motivos fundamentais:

- Eran dous concertos de pago, nos que interviñan promotores privados, aos que a recadación por venda de entradas lles permite pagar o caché dos artistas. De aí que a decisión sobre a suspensión ou non dos concertos debía ser consensuada.

- De cada uno dos concertos xa se venderan máis de 1.200 entradas unha semana antes dos mesmos, o que denota un interese por parte do público.

- Son os dous concertos nos que o Concello investiu máis: 17.000 euros máis IVE para Raphael e 38.000 euros máis IVE para Primal Scream (un 30% do caché do artista). Ao propor os artistas datas alternativas, o Concello debería sufragar estas cantidades igualmente por obrigas contractuais.

- Trátase de dous artistas internacionais que resultaría difícil traer a Santiago nas festas de 2014 ou noutras datas.

Francisco Noya resaltou igualmente que estas foron as únicas datas nas que foi posible concentrar os concertos Raphael e Primal Scream, xa que ambos están inmersos en xiras cunha ampla programación de concertos nos vindeiros meses. Esta unión temporal das actuacións redunda tamén nunha redución de custos.

Horarios e procedemento de devolución de entradas
Os horarios dos concertos e o escenario serán os inicialmente previstos, as 22:00 horas na praza da Quintana. A billeteira abrirá dende do 1 ao 10 de agosto e do 26 ao 6 de setembro en horario de 17:30 a 20:30 horas. A devolución de entradas farase polo mesma canle da compra, sendo válidas as xa mercadas para estes novos días de concertos.

Concerto de Soraya
A estes dous concertos de pago sumarase outro gratuíto, o de Soraya, o 5 de setembro, aproveitando así infraestrutura instalada na praza da Quintana. Esta actuación tamén estaba prevista no programa das Festas do Apóstolo. O concelleiro indicou que o Concello achega 13.000 euros máis IVE a este concerto e que, posiblemente, das actuacións suspendidas nas Festas, sería a que máis dificultades entrañaría para programar nas festas de 2014.

Finalmente, Francisco Noya reiterou a magnífica predisposición de todas as empresas implicadas nos festexos ante unha situación excepcional como foi a traxedia ferroviaria de Angrois. Así, tivo palabras de agradecemento a equipos de produción, son, escenarios, camerinos, seguridade, charangas, orquestras, pirotecnia, feirantes e artistas. Resaltou que todos se puxeron a disposición do Concello e axustaron ao máximo os seus orzamentos, traballando só polos gastos para estes novos días de concerto.

Outros grupos programados cuxos concertos das Festas se suspenderon, como Riff Raff, A Banda do Camión, Os resentidos ou as orquestras, comprometéronse a vir de balde noutra data, probablemente nas Festas da Ascensión ou do Apóstolo de 2014. Para eles tamén foi o agradecemento da Concellería de Festas.

Compartir: