EDUCACIÓN

Cita para os máis novos na Escola de Verán e no Campamento Urbano

26/06/2006 A Escola Municipal de Verán chega á súa quinta edición e acollerá aos nenos e nenas do 27 de xuño ao 4 de xullo. Esta é a proposta do Departamento de Educación e Mocidade agora que remataron as clases, cun obxectivo semellante ao do Campamento Urbano, que neste caso se celebrará do 10 ao 28 de xullo.

A proposta da Escola de Verán constitúe unha oferta para o ocio e o tempo libre da cidadanía máis nova, nunhas datas en que as familias demandan novas propostas de dinamización e de ocupación do tempo libre para os seus fillos e fillas. Ademais, esta iniciativa intenta rendibilizar os equipamentos escolares como un espazo de aprendizaxe no tempo de verán, onde os nenos e as nenas poidan expresarse libremente, relacionarse e compartir.

O programa de actividades inclúe obradoiros de educación ambiental, artes plásticas e cociña. Complétase con visitas guiadas a centros de interese, actividades deportivas e xogos cooperativos, xogos populares e tradicionais, excursións, saídas á piscina... O horario das actividades será de 9:30 a 13:30 horas.

Na Escola de Verán poderá participar calquera neno ou nena con idade comprendida entre os 6 e os 12 anos. Os/as nenos/as de 5 anos, poderán participar sempre e cando un/unha irmán/á tamén estea inscrito/a e asista ás actividades diarias do centro. No CEIP de Fontiñas habilitarase un espazo adaptado para nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos. Para poder participar no programa é obrigatorio cubrir a ficha de participación, que deberá entregarse cuberta no espazo de recepción o mesmo día no que asistan ás actividades. Naqueles casos nos que participen de forma continuada nun mesmo centro, cada día deberá amosar o carné e indicar a persoa responsable de recoller ao menor.

A participación é de balde e de libre elección; é dicir, pódese participar na programación completa e diaria dun centro ou ben en talleres concretos de acordo coa dispoñibilidade de prazas en cada momento. As actividades estarán dirixidas por monitores do Centro Don Bosco, da Asociación Xuvenil para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e de Antaruxada. O programa desenvolverase nos CEIP de Fontiñas, Quiroga Palacios, Colexiata de Sar e Pío XII

Pola súa parte, poderán formar parte no Campamento Urbano aqueles nenos e nenas con idade comprendida entre os 5 e os 12 anos. Para participar é obrigatorio cubrir a ficha de solicitude de participación, que se deberán entregar cuberta no Rexistro Xeral do Concello. O custo de inscrición é de 30 euros pola participación en todo o programa ou 15 euros por semana.

As actividades do Campamento Urbano terán lugar no CEIP de Fontiñas e estarán impartidas por monitores da Cruz Vermella.

Direcciones relacionadas



Compartir: