MEDIO AMBIENTE

En marcha unha campaña para concienciar á cidadanía da importancia da reciclaxe

24/07/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado polos concelleiros María Pardo e Juan de la Fuente, asistiron na praza Roxa á presentación da campaña de concienciación social "Separemos ben, reciclaremos mellor", organizada polo Concello en colaboración con Sogama, Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente.

Esta campaña ten como obxectivo fomentar a concienciación cidadá en materia de reciclado e recollida selectiva dos envases. Trátase de que os composteláns sexan conscientes de que unha mala separación de residuos no fogar prexudica o reciclado dos envases e xera problemas no sistema de recollida. Por iso, a súa colaboración é fundamental para dar unha segunda vida aos envases e evitar que acaben sen aproveitamento nun vertedoiro.

Un vehículo adaptado para proporcionar información á poboación por parte de monitores especializados, xunto cunha carpa que alberga o xogo xigante da reciclaxe destinado aos máis pequenos, conforman os ingredientes básicos desta iniciativa, que se complementa coa distribución de diverso material divulgativo e merchandising.

Os cidadáns galegos reciclaron 51.014 toneladas de envases en 2012, segundo o último Informe de Resultados de Ecoembes. Cada cidadán depositou unha media de 9,4 quilos de envases no colector amarelo e 11,6 quilos de papel e cartón no colector azul.

Compartir: