SERVICIOS SOCIAIS

O programa de apoio a familias separadas é pioneiro en España

01/04/2005 En colaboración coa Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela e o departamento de Servicios Sociais do Concello de Santiago, ponse en marcha o programa "Ruptura de parella, non de familia" para o apoio aos membros de familias separadas.

A separación está considerada como un proceso especialmente traumático que afecta a toda a familia. Neste senso, este programa, pioneiro en España, trata de facilitar a asunción e superación satisfactoria deste proceso, reducindo as súas consecuencias negativas, tanto nos proxenitores coma nos fillos e no resto da familia. O interese suscitado por este programa é tal que outras comunidades autónomas e universidades puséronse en contacto coa Universidade de Santiago

Presentado pola concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, o director da Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago, Ramón Arce Fernández, e a profesora Francisca Fariña Rivera, o programa contempla dúas posibilidades básicas para os participantes: un programa breve e un programa máis amplo, ambos baixo o lema "Ruptura de parella, non de familia".

O primeiro está dirixido específicamente aos pais e nais e, ao longo de catro sesións, ten como finalidade axudar aos membros da parella a entender e asumir os cambios que provoca a ruptura conxugal neles mesmos e no ámbito familiar para afrontalos eficazmente; sensibilizar aos pais e nais sobre os beneficios da colaboración parental e as consecuencias negativas dunha relación conflictiva e axudar a comprender que o mellor camiño da resolución dun conflicto deste tipo é a mediación, un proceso extraxudicial no que ambas partes toman decisións cara a protexer os intereses dos fillos. O propósito básico é que ambas partes eviten desenvolver conductas inadecuadas que prexudiquen aos rapaces.

O segundo programa incide nos fillos e engade aos anteriores obxectivos a aprendizaxe por parte dos pais e nais das habilidades necesarias para afrontar o proceso; a axuda aos fillos para que entendan e expresen os seus sentimentos e para superar os problemas provocados pola separación; a estimulación da autoestima dos rapaces e a aprendizaxe de estratexias para adaptarse á nova situación familiar.

Tamén, e independentemente do anterior, un programa específico atende aos casos de separación onde se poideran detectar casos de violencia doméstica. Nestes casos, indicou a profesora Fariña, "traballamos para recuperar a co-parentalidade dos proxenitores e poder reinsertalos como pais".

Máis de 50 usuarios

Actualmente, perto de 50 usuarios están integrados nestes programas en dous grupos de pais e tres grupos de rapaces. Da dimensión do problema da idea o dato de que o pasado ano nos xulgados da cidade tramitáronse 429 procedementos de separación ou divorcio. "A separación dos pais é unha das situacións máis traumáticas que pode experimentar nunha un neno", manifestou a profesora, deixando unha profunda pegada que pode condicionar a súa vida como adulto. Neste senso estes programas tratan de amortiguar o impacto negativo derivado destas situacións.

Para participar no programa os interesados poden dirixirse ao centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo (teléfono 981 528 739), a Unidade de Psicoloxía forense da Universidade de Santiago de Compostela (teléfono 981 563 100 extensión 13871. Correo electrónico: uforense@usc.es) ou ben ao departamento de Serrvicios Sociais (Teléfono 981 542465). O horario de atención é de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas e os martes, de 17.00 a 20.00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: