XUNTA DE GOBERNO

A redacción do Plan especial de protección do solo do Camiño Francés permitirá ao Concello outorgar as licenzas nesta área

24/07/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a encomenda ao Consorcio dos traballos de redacción do Plan especial de protección do solo vinculado ao Camiño Francés de Santiago (PE-3). Ademais, adxudicou as obras na Finca do Espiño e as de rebacheo nas parroquias de Compostela.

A voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, resaltou a importancia da redacción do Plan especial do Camiño Francés, xa que permitirá que no futuro sexa a Comisión Asesora do Casco Histórico a que autorice as licenzas nestes solos, sen o permiso previo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. As dilixencias serían entonces iguais ás do chamado perímetro azul, onde xa é a Comisión a que autoriza as licenzas, unha vez obtida a delegación da competencia.

Indicou a concelleira que é necesaria unha ordenación singular e pormenorizada dos terreos vinculados á preservación do territorio histórico afectado pola traza do Camiño Francés. Así, suscítase a conveniencia de afrontar o proceso de elaboración e aprobación do Plan Especial tal como establece unha disposición transitoria do PXOM. O primeiro intento quedou en suspenso en 2005. Agora, con todo preparado, a Xunta de Goberno aprobou a encomenda ao Consorcio da Cidade de Santiago para a redacción do devandito Plan especial.

Finca do Espiño
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a elevación a definitiva da proposta da mesa de contratación de adxudicación das obras na Finca do Espiño. Poderá así comezar a executarse nos próximos días esta actuación de recuperación e acondicionamento deste espazo verde. O prazo de execución é de 296 días.

Reparación das calzadas no rural
Seguindo con obras, pero neste caso no rural, adxudicáronse as obras de rebacheo nas parroquias de Santiago, cun orzamento de 49.920 euros máis IVE.

Estacionamento de Santa Marta
Outro dos acordos do Goberno local foi o de establecer a gratuidade do estacionamento de bordo de Santa Marta a partir do 1 de agosto. O aparcamento estará aberto de 7:00 a 19:00 horas e non contará con vixilancia. Do seu correcto funcionamento encargarase persoal de TUSSA.

Cesión do Estadio de San Lázaro
En materia de Deportes, aprobouse a cesión de uso do Estadio de San Lázaro e campo anexo á S.D. Compostela para a temporada 2013-2014. Esta cesión implica a autorización ao equipo compostelán para o cobro de entradas, a colocación de soportes publicitarios e a instalación dun servizo de café-bar.

Programa Social-Mente
Na sesión tamén se deu conta da concesión pola Deputación da Coruña dunha subvención para o Programa Social-Mente. Esta iniciativa está dirixida á estimulación cognitiva e o desenvolvemento socio-persoal, a través de actividades sociais, culturais, de ocio, e de saúde. Ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores do Concello de Santiago, previndo o deterioro cognitivo, a través de actividades grupais, e evitar o illamento social causante de moitas situacións de exclusión social .

Festas
Finalmente, iniciouse o procedemento do contrato privado para a realización do concerto de Primal Scream na praza da Quintana o 31 de xullo. O importe do mesmo será de 38.000 euros máis IVE, se ben, no caso de venderse máis de 3.000 entradas, o 30% dos ingresos a partir desta cifra serán para o Concello.

Documentos relacionados



Compartir: