TURISMO

Xuño foi o mes da historia co maior número de pernoctacións internacionais en Santiago

23/07/2013 Santiago continúa crecendo como destino turístico internacional. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no mes de xuño alcanzouse o maior número de pernoctacións internacionais nun só mes da historia da cidade, con 65.389. A anterior marca producírase en setembro do ano 2012, con 64.193. O terceiro mes remóntase a setembro do ano 2010, cando foron 62.207. O dato é importante non só pola cifra alcanzada senón porque se produce no mes de xuño, cando dende 2009 o mes do ano con maior número de pernoctacións internacionais da cidade é setembro.

As 65.389 pernoctacións internacionais de xuño supoñen un crecemento do 14,6% respecto das 57.036 do mes de xuño do 2012. Con estas cifras, no primeiro semestre do ano chégase xa ás 195.553 pernoctacións internacionais, que supoñen un crecemento do 11,2% respecto do mesmo período do ano anterior. Trátase tamén do mellor primeiro semestre da historia da cidade en pernoctacións internacionais.

O turismo español alcanzou ás 51.470 pernoctacións en xuño, un descenso do 8,6% respecto do mes de xuño do 2012. Non obstante, a suba do turismo internacional en xuño fixo que en termos globais aumentase o número de pernoctacións xa que, sumando domésticas e foráneas, chegaron a 116.859, un 3,1% máis que no mesmo mes do ano pasado, cando houbo 113.350.

No primeiro semestre, o turismo español acumula 277.730 pernoctacións, un 2,3% menos que no mesmo período do ano pasado. Pero tamén neste período o crecemento do turismo internacional fixo que se alcanzasen mellores datos que en 2012. Ata xuño a cidade rexistrou un total de 473.283 pernoctacións, un 2,8% máis que no primeiro semestre do ano precedente. O turismo internacional representou neste período, por primeira vez na historia, máis do 40% do turismo da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: