FESTAS

O folk e o teatro infantil protagonizaron a segunda xornada das Festas do Apóstolo

23/07/2013 A segunda xornada das Festas do Apóstolo tivo como protagonista principal o folk e como punto de referencia a praza da Quintana. Alí celebrouse o II Certame Folk, organizado por La Voz de Galicia, coas actuacións de Berrogüetto, Tanto Nos Tén e Os D'abaixo. Ademais, no Salón Teatro, cheo absoluto na sesión de teatro infantil coa obra Fíos.

Berrogüetto regresou ao escenario que os viu nacer en 1995 para interpretar os temas do seu último disco, Kosmogonías, e algunhas das súas composicións máis coñecidas. A súa música puxo fin a unha xornada chea de folk que xa arrincara pola mañá cos obradoiros de confección de instrumentos e de xoguetes tradicionais e con xogos tradicionais. Logo, durante todo o día, o grupo O Recobío de Vaamonde encheu de música popular o entorno da praza da Quintana.

Esta foi tamén unha xornada de teatro, coa representación na rúa Nova de Narigudos, a cargo de Tanxarina Títeres. Moi preto, no Salón Teatro, os máis pequenos puideron gozar coa compañía Baobab e a súa obra Fíos. A sesión esgotou as localidades.

Mércores 24
Na terceira xornada das festas, o protagonista principal será o espectáculo multimedia e pirotécnico da praza do Obradoiro, que comezará ás 23:30 horas. Pero xa dende a mañá, a partir das 12:00 horas, as prazas da Quintana e do Toural acollerán os tradicionais xigantes e cabezudos. A charanga Compostela animará as rúas durante o día.

O peche musical da xornada terá lugar na Quintana, coa actuación de La Banda del Camión e Riff Raff (Tributo a ACDC), e na Alameda, coa música da orquestra Trébol. Os dous espectáculos comezarán en torno á media noite, unha vez que rematen os Fogos.

Compartir: