FESTAS

As Festas do Apóstolo, fieis á súa cita co ensalzamento do traxe galego

23/07/2013 Unha das citas tradicionais das Festas do Apóstolo é o Día do Traxe Galego, que alcanzará a súa XXXV edición o sábado 27 de xullo. O concelleiro de Festas, Francisco Noya; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Cristina Mosquera; e o director de Comunicación e Relacións Externas de El Corte Inglés (firma colaboradora), José Antonio Blanco, presentaron o programa desta xornada.

O XXXV Día do Traxe Galego arrincará ás 10:30 horas coa concentración de participantes na Alameda e co posterior desfile ata a praza do Obradoiro. Logo, a comitiva dirixirase á Catedral para participar ás 12:00 horas nunha misa, na que realizarán a súa ofrenda ao Apóstolo. Tras o acto relixioso, os participantes serán recibidos como cada ano polo alcalde no Pazo de Raxoi (13:45 horas).

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, concentración en San Domingos de Bonaval. Os participantes, ataviados co traxe galego, desfilarán ás 19:30 horas ata a Quintana. No escenario desta praza, ás 20:00 horas, celebrarse a exhibición e concurso de traxes e a posterior entrega de premios. Tras a entrega dos galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego, a xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego.

Francisco Noya agradeceu á Asociación do Traxe Galego o seu traballo e a El Corte Inglés a súa implicación como colaborador nas Festas do Apóstolo a través deste certame. Tanto o concelleiro como Cristina Mosquera e José Antonio Blanco, fixeron un chamamento aos cidadás a vestirse para a ocasión e participar nesta xornada.

Compartir: