CULTURA

O programa "Verán na rúa" encherá Compostela de circo, títeres, teatro, maxia e música durante este verán

23/07/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Victor Carou, presentaron a segunda edición de Verán na rúa, a programación de cultura para o mes de agosto e parte de setembro. Dezasete compañías levarán ás rúas e prazas da cidade os seus espectáculos de circo, títeres, teatro, maxia ou música.

Ángel Currás salientou que a programación "festiva e lúdica" deste Verán na rúa, que se desenvolverá entre o 6 de agosto e o 12 de setembro, está pensada tanto para os composteláns como para os visitantes. Agardando o éxito da primeira edición, lembrou que serán seis os espazos abertos principais os que acollerán os espectáculos: a Alameda e as prazas de San Martiño Pinario, Toural, Praterías, Quintana e Cervantes.

Trátase dunha variada oferta da que poderán gozar especialmente o público infantil e familiar, que solo terá que coller un bo lugar para ver os diferentes espectáculos de circo e acrobacias aéreas, clown, malabares, títeres, maxia, teatro de rúa, contacontos ou música.

Diversas compañías farán as delicias de pequenos e maiores procedentes dende diferentes puntos da xeografía: Kanbaiota (Madrid), Circo Chosco (Euskadi/Galicia), Pablo Good Idea (Castela–A Mancha), (Manu Mansilla (Arxentina), Rudi Dudi (Bélxica), Djuggledy (Alemaña), Miguelillo (Castela e León). Convivirán con formacións galegas como Fantoches Baj, Circo Chosco, Pablo Trasno, Pistacatro, Peter Punk, Manu Lago, A Tropa de Trapo, Seisdedos marionetas, Rastrexos Project ou Circonove.

Verán na rúa acolle tamén a Banda Municipal de Música de Compostela coa compañía galega Monicreques Babaluva, que poñen en escena O Crebanoces, unha representación que formou parte dos concertos didácticos dirixidos a escolares que se ofertaron dende o Auditorio de Galicia (temporada 2012-2013) e á que agora poderán asistir todas aquelas persoas que se pasen pola praza da Quintana o xoves 13 de setembro. Sen dúbida un forma divertida de achegarse á música clásica e á historia do boneco Crebanoces.

En caso de mal tempo, os espectáculos do mes de agosto pasarían ao Teatro Principal e os que teñan lugar en setembro pasarían ao Salón Teatro.

Compartir: