SEGURIDADE CIDADÁ

Máis de 300 efectivos policiais velarán pola seguridade nas xornadas do 24 e 25 de xullo

23/07/2013 O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Luis Bello, deu conta das medidas de seguridade e recomendacións para as Festas do Apóstolo. Serán 320 os efectivos policiais os que velen pola seguridade durante as xornadas do 24 e do 25 de xullo.

Dos 320 efectivos, entre Policía Nacional e Policía Local, entre 60 e 80 serán axentes vestidos de paisano. A propósito destas cuestións de seguridade, o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, insistiu na recomendación de que a xente "preste atención ás súas pertenzas". Á marxe disto, referiuse ao dispositivo sanitario da noite do 24, recordando que, como sempre se habilitarán os habituais corredores de evacuación na praza do Obradoiro. As ambulancias estarán situadas en San Francisco e as emerxencias da Cruz Vermella no propio Pazo de Raxoi.

Polo que se refire aos Bombeiros, o seu responsable, José Ramón Sánchez, indicou que na noite do 24 estarán operativos 19 efectivos, distribuídos en seis dotacións. Dúas estarán en San Francisco, outra no Casco Histórico e tres máis estarán operativas e alerta no propio Parque de Bombeiros.

Sen mochilas
O concelleiro Luis Bello lembrou que un ano máis se restrinxirá o acceso con mochilas e bolsos de gran tamaño á praza do Obradoiro a noite do 24 de xullo. Na mañá do 25 de xullo, durante os actos da Ofrenda ao Apóstolo, a restrición afectará á propia praza do Obradoiro e á Catedral.

Habilitarase como consigna o Pavillón Municipal de Santa Isabel en horario de 19:00 a 1:00 horas o 24 de xullo, e de 9:00 a 14:00 horas o día 25. Colocaranse carteis indicadores cara o pavillón. O servizo será prestado por persoal voluntario de Protección Civil.

24 DE XULLO

Dende as 15:00 horas do mércores 24 de xullo queda prohibido estacionar na rúa Costa Vella, restrición que se estende ata o remate dos fogos (noite do 24). Ademais, na rúa Carretas quedará prohibido o estacionamento e a circulación dende as 8:00 horas do 24 ata as 16:00 horas do día 25.

O día 24 de xullo, a restrición de acceso á praza do Obradoiro aplicarase a partir das 20:00 horas, momento no que quedará pechada para facilitar o acceso do público ao espectáculo e o dispositivo de seguridade do mesmo. Ademais, os residentes non poderán aparcar na praza de Raxoi dende as 20:00 horas deste día 24 ata as 16:00 horas do 25.

Cortes de tráfico e acceso peonil
Dende as 21:00 horas do día 24 cortaranse ao tráfico as seguintes rúas: Xoán XXIII (tramo entre avenida do Burgo e San Franciso), Costa Nova, Castiñeiros (entre Morón e San Francisco) e costa de San Francisco.

A partir das 22:30 horas prohibirase o tránsito de peóns nas rúas Xoán XXIII (entre o cruce do Burgo e San Francisco), Costa Nova, Xazmíns, Costa Vella, Porta da Pena e Xoán XXIII-Castiñeiros.

Recomendacións de tráfico e estacionamento
Debido á intensidade do tráfico na noite do 24 de xullo, recoméndase aos condutores a utilización da AP-9 para a circunvalación da cidade. Lémbrase igualmente a importancia de prestar atención aos paneis variables situados nas entradas o casco urbano e, sobre todo, aos situados na AP-9 e no periférico.

En canto ao estacionamento, recoméndase aparcar os vehículos fóra do centro e evitar o tránsito polas súas inmediacións.

25 DE XULLO
Na mañá do 25 de xullo, o paso restrinxido pola praza do Obradoiro abarcará das 9:00 ás 14:00 horas. Este mesmo día e por mor das manifestacións que sairán da Alameda, recoméndase aos condutores evitar o entorno da praza de Galicia entre as 11:30 e as 14:30 horas.

Compartir: