FESTAS

Roberto Vilar encheu de humor e de lembranzas unha praza do Obradoiro que cantou o "Miudiño"

22/07/2013 As Festas do Apóstolo xa están en marcha. Por diante quedan nove xornadas festivas, tras o pregón de apertura das festas pronunciado polo cómico Roberto Vilar. Ante unha praza do Obradoiro ateigada de xente, o pregoeiro fixo gala do seu habitual sentido do humor, con referencias á actualidade e ao cotiá, mesturado nesta ocasión coas alusións á cidade na que leva vivindo 23 anos.

Despois de ser recibido en Raxoi polo alcalde, Ángel Currás, e polo concelleiro de Festas, Francisco Noya, Roberto Vilar saíu aos balcóns para dirixirse ao público acompañado da súa filla de 3 anos. Alí agradeceu a súa elección como pregoeiro e acordouse do seu predecesor nesta tarefa, o adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández.

O cómico lembrou as súas orixes e a súa chegada a Compostela en 1990. Foi tempo para falar dos cambios das súas vivencias e dos cambios que rexistrou a cidade nestes últimos 23 anos. Ademais, exerceu de representante veciñal e resumiu algunha das peticións que lle fixeran algúns composteláns unha vez que coñeceran que ía dar o pregón.

Carta de Compostela
Tras sucesivas referencias humorísticas, Roberto Vilar púxose só un pouquiño serio para ler o único texto non improvisado da noite, unha carta na que fixo de voceiro de Santiago de Compostela. Na misiva ás súas xentes, a cidade comenta que está "un pouco velliña e ás veces cansada, pero ben, feliz". Deulles aos composteláns as "grazas por quererme, por quererme como son, calada, humilde, sincera, escoitadora, sixilosa na noite e sobre todo abrazadora, abrázovos hoxe aquí como cada noite o fago cando ides a durmir, como o fai unha nai co seu pequeño".

Estendeu o seu agradecemento aos que se esforzan por luza mellor e máis xeitosa, aos nenos que xogan nos seus parques, aos avós, aos estudantes, aos peregrinos e a todos os visitantes. "Grazas por quererme, por amarme, por falar tan ben de min...escóitovos, todolos dias escoítovos, véxovos, síntovos, pero sobre todo emociónome e choro bagoas de choiva miudiña, cada vez que acariñades unha das miñas pedras, cada vez que mirades cara arriba nunha rúa estreita".

Tras a sentida lembranza de Santiago, Roberto Vilar falou das Festas do Apóstolo e do seu significado tanto para os composteláns como para os galegos e visitantes. Neste punto tivo tamén un recordo e de ánimo para os comerciantes e hostaleiros neste momento de crise economica. "O comercio e a hostalería desta cidade merecen unhas festas felices e cheas de xente polas rúas e polos seu negocios", dixo.

O pregoeiro rematou a súa intervención con alusións á necesidade de que os gobernantes protexan os valores culturales e cunha mensaxe final de esperanza sobre a crise económica. E tal como fixera Moncho Fernández, o cómico quixo rematar o pregón emprazando aos presentes no Obradoiro a cantar o "Miudiño", co ánimo de convertelo case nun himno obrigatorio para futuros pregóns.

Concerto no Obradoiro
Logo do pregón, a festa continuo una mesma praza do Obradoiro, que acolleu un espectáculo de balde organizado en colaboración coa cadea 40 Principales, o 40 hot mix road show, coas actuacións de Angy, Edurne, Yanela Brooks, Marien Baker e Xuso Jones, entre outros.

Compartir: