TURISMO

Área Santiago presenta a imaxe da súa campaña promocional "Moi cerca de Santiago... Sorpréndete!"

22/07/2013 O Grupo Área Santiago presentou a imaxe da campaña promocional que desenvolverá en agosto baixo o lema "Moi cerca de Santiago... Sorpréndete!". O acto de presentación tivo lugar na oficina de información de Turismo de Santiago, onde representantes políticos e técnicos dos concellos de Área Santiago destaparon unha lona coa imaxe da campaña. A imaxe está composta por catro fotografías que pretenden transmitir algúns dos valores diferenciais de Área Santiago: o relax e a tranquilidade, as actividades deportivas na natureza e o patrimonio histórico.

A campaña ten un dobre obxectivo: amosar aos turistas das praias de Galicia que visiten Santiago que nos arredores da cidade hai una oferta moi ampla de actividades e atractivos para gozar ao longo de todo o ano e darlle a coñecer aos propios habitantes da zona que nos Concellos veciños hai un amplo abano de posibilidades de ocio.

A campaña, financiada conxuntamente polos 19 concellos que forman parte do grupo, concrétase en quince paneis publicitarios, oito en castelán e sete en galego, que estarán visibles tanto nos principais puntos de acceso por estrada á zona como nalgúns lugares de praia cun número importante de turistas españois, como Sanxenxo, O Grove ou Baiona.

Antes da presentación, o Grupo Área Santiago celebrou unha reunión na que se estudou un informe elaborado polo Concello de Santiago sobre as distintas posibilidades que teñen os Concellos para constituírse como unha entidade xurídica cun triplo obxectivo: facer máis áxil a xestión do grupo, poder presentarse a subvencións e concursos, e recibir financiamento directo doutras administracións.

Coa definición da fórmula xurídica daríase un paso máis na colaboración intermunicipal despois de que os alcaldes de A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces asinaran o pasado 27 de maio no Pazo de Raxoi o protocolo de colaboración co que naceu formalmente Área Santiago. Os concellos suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia.

Compartir: