XUVENTUDE

Dezaseis voluntarios lingüísticos ofrecerán unha axuda básica a turistas e peregrinos durante as Festas do Apóstolo

22/07/2013 Un acordo entre o Concello de Santiago, o Grupo PREMIR e a Asociación Hostalería Compostela permitirá que, a partir deste luns 22 e durante as Festas do Apóstolo, peregrinos e turistas reciban información básica a cargo de 16 voluntarios lingüísticos. Os voluntarios con mellor nivel estarán tamén localizables para aqueles hostaleiros que precisen axuda.

Unha pintoresca situación vivida na zona vella de Santiago entre un peregrino estranxeiro e un santiagués foi a orixe do proxecto. Cando un alumno do Ciclo Superior de Comercio Internacional de PREMIR viu a escena, transmitiulle a idea á dirección do centro e non dubidaron en trasladala ao Concello.

A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, respondeu con celeridade a esta proposta, posto que xa tiña o proxecto en mente dende había tempo e non soamente quixo limitar a axuda dos voluntarios lingüísticos a apoios puntuais polas rúas, senón prestar servizo de tradución tamén aos establecementos hostaleiros da zona. A propia edil e o alcalde, Ángel Currás, saudaron a estes voluntarios na praza do Obradoiro con motivo do inicio do programa.

O obxectivo inicial de ter catro parellas de voluntarios pola zona vella foi superado polo interese que puxeron outras moitas persoas en participar e, finalmente, a organización permitiu a asistencia de 16 mozos de entre 18 e 25 anos na súa maioría. Ademais de proporcionar instrucións e de levar a información cultural e guías da cidade para os turistas que o desexen, os voluntarios estarán localizables para os hostaleiros que necesiten unha solución rápida aos problemas que xorden na comprensión entre os turistas e os traballadores dos establecementos.

Os mozos portarán unha indumentaria identificativa. Así, levarán camisetas nas que constará a inscrición "Can I help you?" e unha chapa cos idiomas que domina cada un. Estarán en puntos estratéxicos do casco vello percorrendo durante tres horas as zonas máis transitadas, considerando as indicacións establecidas polo Concello de Santiago e Hostalaría Compostela.

Compartir: