FESTAS

A música gobernará uns Fogos do Apóstolo 2013 nos que a pirotecnia e o audiovisual se integrarán ao longo de todo o espectáculo

19/07/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, e o director comercial de Ricasa (Pirotecnia Ricardo Caballer S.A.), Juan Manuel Humanes, presentaron o espectáculo dos Fogos do Apóstolo, que se celebrará a noite do 24 de xullo. Esta edición destacará pola maior presenza dos efectos pirotécnicos nun espectáculo no que a música será o fío condutor en torno ao que se combinarán harmonicamente pirotecnia e proxeccións audiovisuais.

Despois de ter xa estado noutras edicións dos Fogos, en solitario ou en colaboración con outras empresas, Ricasa ofrecerá nesta ocasión un espectáculo "totalmente diferente" ao doutros anos, segundo indicou o director comercial da firma valenciana, a maior empresa pirotécnica de España e responsable dos espectáculos de fogos artificiais de eventos como o Mundial de Fútbol de Sudáfrica ou os Xogos Olímpicos de Sidney. Este ano, dixo, "potenciaranse os efectos pirotécnicos", feito referendado polos máis de 5.280 elementos pirotécnicos previstos e deseñados exclusivamente para estes Fogos do Apóstolo.

Utilizarase un novo sistema de disparo, que diminúe o fume producido polos elementos pirotécnicos, e facilitarase que o maior número de público, aínda que non estea presente na praza, poida presenciar os fogos artificiais.

Pero haberá moito máis que pirotecnia. Así, Humanes promete un espectáculo cheo de sorpresas, no que a música será "o eixe que goberne o espectáculo e os códigos de tempo". Deste xeito, música, pirotécnica e proxeccións audiovisuais combinaranse ao longo dos 30 minutos do evento.

Sobre a parte audiovisual, o director comercial de Ricasa anticipou que non faltará o 3D nin o mapping, potenciados así mesmo cunha sonorización diferente. O espectáculo, denominado "Moitos camiños...un destino", levará os espectadores polo fenómeno da peregrinación a Compostela e os seus diferentes momentos históricos: morte e traslado do Apóstolo, descubrimento do sepulcro, construción e destrución da Catedral, a tradición xacobea. Todo isto co obxectivo final de trasladar unha serie de mensaxes universais como a amizade, a espiritualidade ou o compañeirismo.

Estes fogos contan cun orzamento de 210.000 euros, 40.000 euros menos que en 2013. Cómpre lembrar que tamén están incluídos os fogos de fin de festa do 31 de xullo. Este día realizarase un espectáculo pirotécnico de 16 minutos no que se empregarán 1.900 elementos.

Compartir: