CULTURA

Tak-Nara Percussion Group clausura outra exitosa edición do Festival Via Stellae

18/07/2013 O Festival Via Stellae 2013 pecha este venres na Igrexa da Universidade o ciclo de concertos que durante dúas semanas encheron de boa música diversos espazos da cidade. O encargado de por fin a esta edición será o Tak-Nara Percussion Group, co seu espectáculo Tak-Nara 2.0: percusión, conversas e danzas, ás 21:00 horas, na igrexa da Universidade. Entrada libre previa recollida de invitación no Teatro Principal.

Tak-Nara pechara o festival 2013 cun espectáculo no que os instrumentos de percusión serven de instrumento de difusión da creación musical contemporánea, en colaboración co FIP, Festival Internacional de Percusión. En forma de dúo, Tak-Nara Percussion Group mostra a súa versatilidade en diferentes disciplinas do mundo da percusión, utiliza instrumentos habituais como marimba, bombo, bongós, pratos ou gongs xunto a "instrumentos" non tan comúns, como utensilios de cociña (latas, copas, enxoval, etc). Cada un dos autores elixidos achega un estilo diferente, contribuíndo a enriquecer a calidade musical e escénica deste proxecto. Compositores de Francia, Serbia, España ou Xapón móstrannos estilos e estéticas moi diversas: obras descritivas, obras rítmicas, obras impresionistas, obras sensacionalistas...

A paixón e a enerxía sobre o escenario son elementos que fan de Tak-Nara un dos grupos de percusión máis relevantes dentro do panorama musical español e europeo. Dende a súa fundación en 2008, este grupo formado por Verónica Cagigao e Carlos Castañeda foi acollido con moi boas críticas por parte do público e de artistas como N. J. Zivkovic quen, logo de escoitalos en directo, aceptou con grande entusiasmo compoñer "Tak-Nara", unha peza especialmente dedicada a este grupo que actualmente forma parte do repertorio e da identidade desta formación. A partir dese momento, colaboraron con N. J. Zivkovic en concertos por Alemaña, Serbia e Eslovenia. Tamén actuaron con outros artistas de sona como Víctor Mendoza, Paquito de Rivera, Enmanuel Sejourné e Igor Lesnik. Realizaron presentacións e concertos en innumerables festivais, salas e teatros de España, Alemaña, Eslovenia, Serbia, Austria, Bélxica ou Italia. Entre os seus próximos proxectos atópase a presentación do seu espectáculo en Indianápolis dentro da convención de percusión máis importante a nivel mundial, o PASIC (Percussion Arts Sociaty International Convention).

Obtiveron premios na Universal Marimba Competition and Chamber Music, Universal Marimba Competition and Chamber Music), Premio INJUVE para a Creación Nova, Premio de Música de Cámara María Orán. Contan cunha dilatada experiencia en concertos e espectáculos didácticos. O seu primeiro compacto, titulado Tak-Nara, foi acollido con entusiasmo pola crítica e galardoado co Premio Nacional para a Creación Nova 2011 concedido polo Goberno de España.

Compartir: