XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de reurbanización da rúa da Caramoniña

18/07/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Caramoniña e do espazo libre do equipamento ASD_26. Tamén se deu o visto bo a dúas modificacións orzamentarias, ao programa de concertos Emerxentes e ao convenio que permitirá a Santiago albergar o congreso BioSpain 2014.

O proxecto de reurbanización da rúa Caramoniña e do espazo libre do equipamento ASD-26 conta cun orzamento de 273.652 euros máis IVE e un prazo de execución estimado en 5 meses. Esta obra encádrase dentro da área temática nº 7 de accesibilidade e mobilidade do Programa Urbana Santiago Norte.

As actuacións teñen como obxectivo xeral a supresión das barreiras arquitectónicas e a mellora da mobilidade no barrio, recuperando os valores ambientais da zona e os seus usos públicos. Así, unha das intervencións máis significativas terá lugar na rúa da Caramoniña, comprendida entre as rúas Valle-Inclán e Escultor Asorey, caracterizada polo seu deteriorado pavimento, pola súa estreiteza e por non contar con saída nun dos seus extremos.

Ademais, o ámbito de actuación estenderase á parcela lindeira, un espazo libre detrás da rúa e conectado con Bonaval, cuxo recente desbroce revelou a súa potencialidade dende o punto de vista medioambiental, de conectividade e mesmo como miradoiro.

Na rúa do Escultor Asorey vaise intervir para mellorar as condicións de accesibilidade, traballando para paliar na medida do posible os grandes desniveis (con pendentes de máis dun 18% nalgún tramo). As obras centraranse na mellora da accesibilidade peonil e das condicións de acceso ás vivendas.

Emerxentes
En materia de Xuventude, aprobouse a realización dos concertos Emerxentes 2013. Mediante esta acción preténdese dar visibilidade ao traballo dos novos grupos musicais da cidade como. O custo é de 2.418 euros. Actuarán o venres 26, en Praterías e no Toural, os seguintes grupos: Clubs Rock, Horta de Grelos, Crying Wolves, Vicky Polard, Roberto Sobrado e Hellorice.

Modificacións orzamentarias
O Goberno local tamén deu o visto bo a dúas modificacións orzamentarias: unha relativa á actividade sancionadora de medio ambiente e outra á partida destinada á urbanizacion do SUNP-11 do Castiñeiriño (1.194.447 euros).

Congreso BioSpain 2014
Outro dos acordos foi o do convenio para a realización do congreso BioSpain 2014, que se celebrará en Santiago do 1 ao 3 de outubro de 2014. Este evento converterá a Compostela durante tres días na capital europea da biotecnoloxía.

Documentos relacionados



Compartir: