CONCELLO

Nota de prensa aclaratoria

23/06/2006 En relación á información aparecida hoxe na prensa local con respecto ao precinto do local da antiga librería Galí, no que José Manuel Bello realizaba obras, o Concello de Santiago quere aclarar que en todo momento se obrou con total transparencia e baixo o marco legal establecido. Por se hai algunha dúbida a este respecto, axuntamos punto por punto a cronoloxía do sucedido:

·2 de maio de 2006: A policía urbanística redacta unha acta de inspección urbanística.

·8 de maio de 2006: Ábrese o expediente de disciplina urbanística DIS/472/2006, por realización de obras sen licenza de obras e sen apertura. As obras tampouco foron solicitadas.

·9 de maio de 2006: O arquitecto técnico municipal redacta un informe.

·10 de maio de 2006: O técnico de Administración Xeral da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación redacta un informe xurídico no que indica que se procederá a:
1.- Ordenar a paralización das obras e suspender os usos que das mesmas se derivan.
2.- Incoar expediente de reposición da legalidade urbanística alterada.

·15 de maio de 2006: Decreto número DEC/2584/2006 de Incoación de expediente de reposición da legalidade urbanística alterada e concesión de prazo de 10 días de alegacións.

·22 de maio de 2006: Notificación de Incoación de expediente de reposición da legalidade urbanística alterada e concesión de prazo de 10 días de alegacións.

·01 de xuño de 2006: O interesado recolle notificación enviada por correo certificado.

·12 de xuño de 2006: O interesado presenta solicitude de obras menores e de licenza de apertura para a reforma de baixo comercial para tenda de agasallos.

·14 de xuño de 2006: A solicitude entra no rexistro da Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación e ábrense os expedientes de licenza de obras LIC/1153/2006 e de licenza de apertura ou actividade LAP/224/2006.

·16 de xuño de 2006: A policía urbanística informa, á vista da inspección de control de cumprimento da orde de paralización da obra, que continúan executándose as obras.

·22 de xuño de 2006, expéndese a acta de precinto para facer constar que no día da data persóanse no local sito en Rúa do Vilar 66 de Santiago de Compostela, rexentado por D. José Manuel Bello Rey, a técnico de Administración Xeral e o policía urbanístico, para levar a cabo o precinto do local tal e como se resolveu por decreto da concelleira delegada de Rehabilitación e Casco Histórico de data 15 de maio de 2006.

Como queda claramente demostrado, o señor José Manuel Bello iniciou obras cando menos seis semanas antes de ter solicitada a licenza e, tal e como se pode comprobar por data de visado do proxecto, carecendo dun proxecto técnico válido. Queda, xa que logo, desmentida calquera hipotética "persecución" cara esta persoa, pero si que podemos falar dun grave, flagrante e reiterado incumprimento da legalidade por parte da mesma.

Compartir: