XUVENTUDE

Primeira xornada do programa de voluntariado para o acondicionamento da carballeira de Tarrío

16/07/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, participou na parroquia do Carballal na primeira xornada de recuperación da carballeira de Tarrío, dentro do programa de voluntariado ambiental. A actividade continuará os días 23 e 30 e ten como obxectivo promover a concienciación e sensibilización da poboación nova sobre o medio.

Os voluntarios deste programa levarán a cabo a rehabilitación da carballeira do lugar de Tarrío, na parroquia do Carballal, un espazo de gran valor medioambiental e que leva dez anos sen acondicionar. Os participantes limparán a maleza, identificarán e inventariarán as diferentes especies para que despois o Concello proceda a talar aquelas que estean fora da marcaxe.

A actividade, que continuará os martes 23 e 30 de xullo, entre as 10:00 e as 14:00 horas, está orientada a mozos e mozas de entre 14 e 20 anos.

Para todos aqueles que queiran participar disporase dun autobús con saída dende o Concello á carballeira, ademais dun monitor e un técnico de medio ambiente. A inscrición poderase facer ata un día antes de que se leve a cabo a actividade no Departamento de Xuventude do Concello.

Compartir: