TURISMO

QuFu e Santiago de Compostela preparan un acordo de irmanamento

22/06/2006 Na continuación dos traballos do programa europeo Asia URBS Heritage, Turismo de Santiago recibe a unha delegación chinesa encabezada polo alcalde de Qu Fu, a cidade de Confucio obxecto deste plan de rehabilitación turística e patrimonial que lideran Compostela e Rennes.

O alcalde de QuFu, Zhang Shuping, viaxa a Santiago de Compostela acompañado polos directores de Planeamento Urbano das cidades de Ji’ning e QuFu, Han Lianzu e Liu Haitao; o director de Patrimonio Histórico e Cultural de QuFu, Kong Deping; e o xefe da Oficina de Asuntos Exteriores da cidade, Kong Xiangcheng.

A delegación, que estará na cidade desde o venres 23 ata o domingo 25, negociará un acordo para o irmanamento de QuFu e Santiago de Compostela, cidades que teñen en común o feito de ser Patrimonio da Humanidade e metas de peregrinacións milenarias. O documento final sería asinado con posterioridade, trala aprobación dos plenos dos respectivos concellos.

De acordo co concelleiro de Turismo, Francisco Candela, a idea, xurdida durante a visita técnica realizada por unha delegación compostelá a QuFu en setembro do ano pasado, ‘abrirá unha porta definitiva para a entrada comercial e turística da imaxe de Compostela en China’.
Como se recordará, o programa europeo Asia Urbs, prevé diversas actuacións para a rehabilitación e preservación do casco histórico de QuFu, como a actualización do seu inventario patrimonial, a elaboración dun plan de conservación do centro histórico e o deseño dun plan de promoción turística. O programa está sendo liderado por Santiago de Compostela e Rennes desde 2005.

O programa da delegación

Os delegados de QuFu chegarán a Santiago de Compostela a mediodía do venres 23 e serán recibidos ese mesmo día ás 17:30 horas polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo na Casa do Concello.

Posteriormente, ás 18:30 h., asinarán na sede de Turismo de Santiago un documento que recolle os termos do futuro acordo de irmanamento das cidades.

O sábado 24, a partir das 9:30 h., o Consorcio de Santiago presentaralles no Hotel San Francisco o seu proxecto de planeamento urbano, que lles será explicado de maneira práctica cun percorrido guiado pola cidade. As visitas turísticas, iniciadas o venres nos tellados da Catedral, continuarán ese día pola tarde.

Compartir: