REHABILITACIÓN

Inícianse as escavacións para descubrir o interior do Castelo da Rocha Forte

16/07/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, asinou a acta de replanteo para o inicio das obras no Castelo da Rocha Forte. Serán catro meses e medio de escavacións, cun investimento do Goberno de España dun millón de euros, co obxectivo de descubrir a estrutura interior da fortaleza.

"A partir de hoxe, a adxudicataria ten catro meses e medio para facer a escavación", indicou a concelleira, quen fixo fincapé na importancia desta actuación, xa que "nos achegará datos moi importantes da historia e do valor do castelo". Neste sentido, a arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro, expresou a súa confianza en que a escavación "nos ofreza datos completos do interior do castelo, da súa estrutura e do seu estado de conservación". Lembrou que "as crónicas falan do castelo máis importante de Galicia na súa época, importancia que probablemente radique no seu papel defensivo".

Estas escavacións realizaranse no marco do recinto amurallado, sen saír del. Así, María Pardo apuntou que "hai traballo aínda para máis adiante fóra da muralla". Con todo, resaltou que se "trata da actuación máis importante realizada na fortaleza" e que nela traballarán unhas 40 persoas. O proxecto inclúe tamén a edición dunha publicación e a apertura dunha páxina web sobre o Castelo co obxecto de dalo a coñecer e difundir o seu valor patrimonial e histórico.

Compartir: