URBANISMO

O Concello habilita máis dun millón de euros para investir noutras doce obras e proxectos no presente exercicio 2013

15/07/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou a habilitación dunha modificación de crédito que permitirá destinar aproximadamente 1,1 millóns de euros para executar novas obras e encargar proxectos. Entre estes figurará a remodelación das prazas de Vigo e de Galicia, a terceira fase da reparación de firmes e beirarrúas no Ensanche, a reurbanización da rúa Raxoi ou a homologación e rehabilitación dos 72 parques infantís da cidade.

Segundo explicou a edil, a partida destinada a estes investimentos procede da minoración do orzamento previsto inicialmente para 2013 da reurbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño. Así, considerouse que dada a altura do ano no que estamos, non se poderían executar os 2,3 millóns de euros previstos para esta obra no presente exercicio, polo que se decidiu utilizar parte desta partida para outros proxectos.

A cantidade restante destinarase á mencionada urbanización do SUNP-11, de xeito que nas próximas semanas se licitará esta obra. Lembrou María Pardo que a esta urbanización, presupostada nun total de 3 millóns de euros, é unha obriga legal, derivada do cobro das cotas de urbanización aos propietarios no seu día e da non execución entón da devandita urbanización.

Estas novas partidas habilitadas destinaranse á realización das seguintes obras: reurbanización da rúa Raxoi, reurbanización das prazas de Galicia e de Vigo, homologación e rehabilitación de 72 parques infantís, pavimentación de rúas e beirarrúas do Ensanche (terceira fase), urbanización da praza de San Roque, creación de espazos biosaudables nas parroquias, consolidación do noiro da rúa de Betanzos e substitución do portalón do edificio do Parque de Bombeiros.

Ademais, vanse encargar os seguintes proxectos, pendentes da busca de financiamento para os mesmos: derrubo da Casa do Matadoiro e reurbanización das rúas Carretas e Concheiros. Tamén se destinarán partidas menores (23.000 e 15.000 euros) para completar as indemnizacións por eliminación de casetas no Mercado de Abastos e para pagar os intereses en execución dunha sentenza xudicial, respectivamente.

Compartir: