FESTAS

Roberto Vilar promete "risa e sentimento" no pregón das Festas do Apóstolo

15/07/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou o pregoeiro das Festas do Apóstolo 2013. Será o cómico Roberto Vilar, quen dará inicio o día 22, a partir das 22:30 horas, na praza do Obradoiro, a dez días de celebración.

Francisco Noya destacou a vinculación de Roberto Vilar a Santiago de Compostela, cidade á que leva ligado xa 23 anos. O concelleiro felicitouse por telo sumado á "lista de pregoeiros ilustres" das Festas do Apóstolo.

Para Roberto Vilar é un "gran orgullo" ter sido escollido como pregoeiro e máis aínda ao suceder nesta responsabilidade a Moncho Fernández, persoa á que admira e ao que xa lle comunicou a súa elección como pregoeiro. O adestrador do Obradoiro díxolle que a el se lle puxera "a pel de galiña" ao ler o pregón e prometeulle "nerviosismo" ao dirixirse a unha ateigada praza do Obradoiro.

Sobre o pregón, o cómico afirmou non ter nada preparado aínda, pero prometeu unha "mestura de risa con sentimento". Neste sentido, seguro que nas súas palabras estará presente o seu namoramento por Compostela. "Amo esta cidade profundamente", declarou Vilar, quen intentará que "a xente o pase realmente ben e se sinta orgullosa da cidade na que vive e das súas festas". Acostumado á improvisación, indicou que "se hai unha ocasión para escribir algo, é esta".

Rematado o pregón de Roberto Vilar, a praza do Obradoiro acollerá un espectáculo de balde organizado en colaboración coa cadea 40 Principales, o 40 hot mix road show, coas actuacións de Angy, Edurne, Yanela Brooks, Marien Baker e Xuso Jones, entre outros.

Compartir: