TURISMO

Turismo de Santiago e Hostelería Compostela colaboran na promoción da cerimonia do botafumeiro

12/07/2013 A empresa municipal e a asociación sectorial editan conxuntamente material para promocionar a cerimonia do botafumeiro que ten lugar os venres na misa das 19.30. A cerimonia do botafumeiro dos venres é posible grazas a un convenio asinado entre o Concello, a Asociación Hostelería Compostela, a Cámara de Comercio e a Fundación da Catedral.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e os presidentes da Asociación Hostelería Compostela, José Manuel Otero e Jesús Sordo, presentaron no Pazo de Raxoi o material co que se pretende promocionar a cerimonia do botafumeiro que ten lugar todos os venres na misa das 19.30. Este material está editado conxuntamente entre Turismo de Santiago, a empresa municipal de promoción turística, e a Asociación Hostelería Compostela.

O material promocional consiste en carteis e flyers, que se distribuirán na oficina de información de Turismo de Santiago, por onde se atenden preto de 200.000 consultas ao ano, na oficina de información de Turismo de Santiago no aeroporto de Lavacolla, nas propias instalacións da Asociación Hostelería Compostela e en múltiples establecementos da cidade, entre os que se encargará de distribuilos á propia Asociación.

Turismo de Santiago ademáis está promocionando a cerimonia a través das súas redes sociais, tanto na páxina facebook.es/TurismodeSantiago, e na súa conta en Twitter @santiagoturismo, e nas novas redes sociais do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Ademais terá un banner na portada da súa páxina web, que no que vai de ano leva preto de dous millóns de páxinas vistas. Tamén se incluirá un anuncio na revista co programa das Festas do Apóstolo que está preparando o departamento municipal de festas.

A cerimonia do botafumeiro segue un calendario de celebracións litúrxicas como parte da misa correspondente. Fora destas datas sinaladas, para que se celebre a cerimonia do botafumeiro, ten que ser solicitado explicitamente. Pero dende abril, ante a gran demanda existente por parte dos turistas e dos visitantes, estase celebrando regularmente todos os venres na misa das 19.30 horas, grazas a un convenio de colaboración asinado entre o Concello de Santiago, a Asociación Hostelería Compostela, a Cámara de Comercio e a Fundación da Catedral.

Compartir: