ALCALDÍA

Concello e Xunta asinan o convenio que permitirá redactar un novo Plan especial de protección e revitalización da Cidade Histórica

12/07/2013 O novo instrumento urbanístico suporá un investimento de mais de 450.000 euros, que serán aportados ao 50% polas dúas administracións. A complexidade do documento multiplícase ao tratarse da capital de Galicia e dun ámbito, a cidade histórica, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O documento supón un reto e unha responsabilidade para ambas administracións, con competencias sobre a materia.

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinaron o convenio de colaboración polo que o Concello de Santiago terá un novo Plan especial de protección da Cidade Histórica. Grazas a este novo documento a cidade compostelán modernizará e actualizará o plan actual, que conta con mais de 15 anos.

O Plan especial de protección da cidade histórica que rexe na actualidade foi aprobado definitivamente o 24 de marzo de 1997. O feito de ter máis de cinco lustros, xunto cos constantes cambios tanto na normativa urbanística como de protección do patrimonio, fai necesaria a revisión deste instrumento urbanístico, que nestes momentos está obsoleto e desfasado.

A súa revisión logrará adecuar as políticas de rehabilitación e revitalización ás condicións actuais da cidade histórica de Santiago de Compostela. Neste traballo procesarase moita información que permitirá coñecer as necesidades da cidade e establecer estratexias de obtención, xestión e interrelación de datos. Tamén definirá, con nitidez, o ámbito de intervención, que non ten por que restrinxirse estritamente ao ámbito do núcleo histórico, senón que podería resultar conveniente estendelo.

Os técnicos analizarán os cambios recentes nos instrumentos de protección e de rehabilitación a través do planeamento e estudarán a dinámica poboacional, o equilibrio entre accesibilidade e ambiente urbano, a elaboración de diversos supostos, a representación tridimensional e dinámica, entre outros aspectos.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, salientou a importancia dun convenio que busca protexer o casco histórico ao tempo que quere evitar que perda poboación. En palabras do rexedor, é fundamental a colaboracion de ambas institucións nun proceso tan importante para a cidade.

O conselleiro Agustín Hernández declarou que estes cambios do Plan especial deben contribuír a seguir transformando de forma positiva a cidade, mantendo sempre o seu espírito galego e universal como capital de Galicia, e converténdoa nun lugar atractivo para a convivencia.

Este convenio baséase nas especiais circunstancias que concorren na redacción e tramitación do documento, unidas á complexidade dun proceso de revisión dun plan especial, que se multiplica ao se tratar da capital de Galicia, e dun ámbito, a cidade histórica, declarado patrimonio da humanidade pola Unesco, ademais de supoñer un reto e unha responsabilidade que están chamadas a compartir as dúas administracións con competencias sobre a materia.

Orzamento
O convenio establece as bases de colaboración e cooperación técnica e económica entre a Xunta de Galicia e o Concello, dentro dos traballos de ordenación, mellora e protección do territorio galego, así como do seu desenvolvemento racional e equilibrado. A achega económica que investirá o Goberno galego é de 226.600 euros, o que suporá o 50 % do total. A porcentaxe restante será asumida pola Administración local, polo que o importe desta actuación se eleva a 453.200 euros.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resérvase o dereito de inspeccionar a execución dos traballos, ademais de nomear, se for o caso, de entre os seus funcionarios, un grupo de seguimento, que dedicará unha especial atención ao desenvolvemento das actuacións establecidas neste convenio para a súa eficacia.

Pola súa parte, o Concello de Santiago de Compostela achegará a outra metade do orzamento e levará a cabo as actuacións correspondentes para a redacción do documento, así como as relativas á aprobación inicial, provisional e definitiva deste e realizar, posteriormente, a súa entrega na Secretaría Xeral de Ordenación, Territorio e Urbanismo.

Tamén terá que facilitarlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o acceso a todo tipo de información que teña relación co obxecto do acordo.

Así mesmo, o Concello de Santiago asume a obriga de financiar pola súa conta exclusiva, se for o caso, as posibles modificacións do contrato, contratos complementarios, liquidacións e/ou revisións de prezos que se puidesen producir.

Competencias
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, ten as competencias específicas en relación cos plans especiais. É o organismo encargado da emisión do informe preceptivo e vinculante no que se refire ao control da legalidade e tutela dos intereses supramunicipais, así como o cumprimento das determinacións establecidas nas directrices de ordenación do territorio e dos plans territoriais e sectoriais.

Tamén asume, un labor de fomento para que os concellos teñan os documentos de planeamento municipal adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento urbanístico. Entre os labores de fomento cabe sinalar as ordes anuais polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación de planeamento urbanístico, das cales, por regra xeral, están excluídos os concellos de máis de 50.000 habitantes. Para os que superen esta cifra, as axudas poderán concederse mediante a sinatura dun convenio de colaboración no cal se establecerán as súas especificas condicións.

A Consellería dirixida por Agustín Hernández ten coma obxectivo promover a mellora do urbanismo e da ordenación municipal, a través da colaboración cos gobernos locais, co deseño dunha normativa de consenso e unha nova lei do solo, que sexa maioritariamente aceptada e que contribúa a facilitar o desenvolvemento e a renovación dos plans xerais e dos plans especiais que orienten un urbanismo respectuoso.

Compartir: