ALCALDÍA

O alcalde e a conselleira de Facenda asinan o convenio para o financiamento do Estatuto de Capitalidade

12/07/2013 A Xunta ratifica o compromiso de contribuír ao sostemento dos servizos derivados da súa condición de capital de Galicia e sede das súas institucións. A Administración autonómica achegará 2,3 millóns de euros ao Concello compostelán

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, e o alcalde de Santiago, Ángel Currás, asinaron o convenio de colaboración polo que o Goberno galego financia o Estatuto de Capitalidade da cidade compostelá, segundo establece a Lei 4/2002, do 25 de xuño.

Segundo o texto subscrito, o apoio económico da Xunta de Galicia ao Concello de Santiago de Compostela para facer fronte aos gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma ascende a 2,3 millóns de euros para o ano 2013.

A Administración galega cumpre deste xeito co seu compromiso de contribuír ao sostemento dos servizos derivados da condición que ten atribuída Santiago de capitalidade de Galicia e de sede das institucións da Comunidade. O pagamento da contía incluída no convenio vaise realizar de xeito fraccionado. O primeiro libramento deberá realizarse con anterioridade ao 15 de xullo, o segundo antes do 30 de setembro e o último antes do día 15 de decembro.

A Lei que regula o estatuto especial de Santiago de Compostela como sede das institucións autonómicas e polo seu recoñecemento como capital da Comunidade Autónoma foi publicada o 24 de xullo de 2002 no Diario Oficial de Galicia. Quedan fixados así os mecanismos adecuados para o tratamento xurídico-administrativo e financeiro da capitalidade desta cidade.

A fixación de Santiago como sede das institucións autonómicas supuxo un fito que engadiu, á xa tradicional dinámica da cidade, a necesidade de afrontar novos retos, particularmente en relación coa prestación de servizos públicos, así como coa implantación de dotacións e equipamentos, determinados directamente pola presenza das institucións autonómicas no termo municipal.

A Lei 4/2002 establece unha previsión de financiamento específico nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma co que se pretende contribuír ao financiamento dos servizos e gastos do concello motivados por este estatuto de capitalidade e por ser a sede das institucións galegas.

Compartir: