PARQUES E XARDÍNS

Ábrese o novo parque infantil de San Xoan de Vista Alegre

22/06/2006 O parque de San Xoan de Vista Alegre contará a partir do venres 23 cunha renovada área de xogo. Coincidindo coas fogueiras e coas festas neste barrio, ábrese este espazo de lecer, no que o Concello investiu 70.500 euros. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, compartirá esta noite de festa coas veciñas e veciños.

Este novo parque conta con dúas zonas diferenciadas: unha para rapaces de dous a seis anos e outra para os nenos e nenas de seis a doce anos. Todos eles poderán descubrir as atraccións e xogos deste espazo dende o venres. Ademais, para gozo dos máis pequenos, a Concellaría de Festas instalará xogos e inchables a partir das 18:00 horas.

Con este xa son 46 os parques activos na cidade. Nos vindeiros meses está prevista a instalación de máis espazos de lecer e a renovación do equipamento doutros xa existentes.

Compartir: