CULTURA

A cidade de Santiago homenaxea ao mestre Antón García Abril no seu 80 aniversario

11/07/2013 O Consorcio de Santiago e o Instituto Cervantes colaboran na organización dun concerto que quere recoñecer a traxectoria artística do compositor, que este mes cumpre 80 anos. O concerto foi presentado en rolda de prensa polo propio homenaxeado e o alcalde compostelán, Ángel Currás.

O compositor Antón García Abril cumpre este 2013 80 anos de idade e dende o Instituto Cervantes puxeron en marcha a iniciativa de programar unha serie de concertos homenaxe que terán como punto de partida a cidade de Santiago, estreitamente vinculada á traxectoria artística do mestre. Neste sentido, o Instituto Cervantes contou coa colaboración do Consorcio de Santiago para organizar un concerto no que estará o propio compositor e que terá lugar este xoves 11 de xullo, na capela do Hostal dos Reis Católicos, e que estará protagonizado pola mezzosoprano María José Montiel, quen porá voz a varias composicións de García Abril.

A vinculación do compositor Antón García Abril con Santiago e con Galicia vén de lonxe. Dende 1993 é profesor de sinfonismo e música actual nos recoñecidos cursos universitarios internacionais "Música en Compostela", o que permitiu que o mestre pasase en Santiago varias xornadas dos meses de agosto, xerando unha fructífera relación que quedou plasmada en algunhas das súas obras máis coñecidas, como as Cancións Xacobeas ou as Cuatro canciones sobre textos gallegos, que, precisamente, formarán parte do programa do concerto homenaxe. O seu compromiso coa cidade acrecentouse dende 1998, cando, por encargo da Xunta de Galicia, asumiu a dirección do curso de composición que dende entón organiza a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e polo que xa pasaron ao redor de 200 alumnos. Ademais, García Abril traballa habitualmente coa orquestra da cidade, a Real Filharmonía de Galicia, quen inclúe na súa programación obras súas e que, en abril de 2010, estreou a súa composición Variaciones Concertantes, con grande éxito de crítica.

Agora, cando o mestre García Abril cumpre 80 anos, será homenaxeado na capela do Hostal dos Reis Católicos cun concerto no que se interpretarán varias pezas súas, a maioría sacadas de obras compostas sobre textos de autores galegos, como Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro e Valle Inclán (nas Cancións Xacobeas) ou Rosalía de Castro (en Cuatro Canciones sobre Textos Gallegos). Serán cantadas pola mezzosoprano María José Montiel, acompañada polo piano de Alejandro Zabala. A entrada ao concerto será libre, previa recollida de invitacións na sede do Consorcio de Santiago a partir do próximo luns 8 de xullo (rúa do Vilar, 59, en horario de 9h a 19h).

O concerto contará coa presenza de varias personalidades do mundo da cultura en Galicia, así como do Instituto Cervantes, a Xunta de Galicia, Concello e Consorcio de Santiago. Incluirá unha pequena charla sobre a relación entre a poesía e música.

Esta homenaxe a Antón García Abril que se celebra en Santiago será aprimeira dunha serie de catro actos organizados polo Instituto Cervantes xunto coa Fundación Antón García Abril que terán lugar, proximamente, en Nova York, París e Tokio.

Programa
María José Montiel, mezzosoprano
Alejandro Zabala, piano

Camiño longo, de Cancións Xacobeas (Ramón Cabanillas)
Sobre o sol e a lúa, de Cancións Xacobeas (Ramón del Valle Inclán)
Coita, de Cuatro Canciones sobre Textos Gallegos (Álvaro de las Casas)
Todo é silencio, de Cuatro Canciones sobre Textos Gallegos (Rosalía de Castro)
Agua me daban a mí, de Canciones de Valldemosa (Antonio Gala)
A pie van mis suspiros, de Canciones de Valldemosa (Antonio Gala)
No por amor, de Canciones de Valldemosa (Antonio Gala)
Levouse a louçana, de Cancións Xacobeas (Pedro Meogo, segunda mitad del s.XII )
Maria Soliña, de Cancións Xacobeas (Celso Emilio Ferreiro)

Antón García Abril (Teruel, 1933), foi mestre de varias xeracións de compositores, a través dos seus 30 anos como Catedrático de Composición no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Escribiu, con gran éxito, música para teatro, cinema e televisión, e a súa extensa obra abarca ópera, orquestra sinfónica e de corda, cantatas, concertos e música de cámara, destacando especialmente os seus ciclos de cancións. O gran número de concertos, publicacións e libros dedicados ao mestre, unha gran actividade en actos académicos e numerosas gravacións discográficas, avalan a Antón García Abril como un dos compositores máis importantes na actualidade. As súas obras foron interpretadas por cantantes como Placido Domingo, José Carreras, Victoria de los Ángeles, Teresa Berganza, Monserrat Caballé, María Bayo, Ainhoa Arteta ou María Orán; pianistas como Leonel Morais, Guillermo González, Rosa Torres Pardo, Ilona Timchenko, Iván Martín e Jean Pierre Dupuy; orquestras como a London Symphony, Royal Philharmonic, London Philharmonic, English Chamber Orchestra, Filharmónica de Moscova, Rundfunk-Sinfonieorchester Berlin, Sinfónica de Bucarest, Orquestra della Toscana, Filharmónica de Estocolmo, Sinfónicas de Lima, Cuba, Venezuela e México, así como todas as orquestras españolas. A súa música foi bailada por Antonio Gades, Victor Ullate, Lola Greco e Antonio Márquez. Son numerosas as gravacións discográficas das súas obras, uns 80 discos, con intérpretes nacionais e estranxeiros de gran prestixio.

Membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid e da Academia Nacional das Belas Artes da República Arxentina, entre outras. Tamén é responsable do curso de composición da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de composición dos cursos de verán "Música en Compostela". Entre os numerosos galardóns e distincións recibidas, destacan o Premio Andrés Segovia, Premio Nacional de Música, Premio Fundación Guerreiro de Música Española, Medalla de Ouro das Belas Artes, Doutor Honoris Causa pola Universidade Complutense de Madrid e pola Universidade das Artes da Habana (Cuba), Medalla de Ouro do Real Conservatorio de Madrid, Gran Cruz Alfonso X O Sabio, Premio Iberoamericano "Tomás Luís de Vitoria", e Premio de Cultura da Comunidade de Madrid. É Presidente da Fundación Jacinto e Inocencio Guerreiro e continúa en activo, compaxinando a súa composición de novas obras de encarga, coas conferencias, xurados e clases maxistrais.

Compartir: