ALCALDÍA

Rematadas as obras de pavimentación nas vías municipais en Barciela, Polveira e Lavacolla

11/07/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitaron as parroquias de Barciela e Lavacolla, onde o ente provincial financiou as obras de pavimentación de varias vías nestas zonas do rural compostelán.

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá xunto co alcalde de Santiago, Ángel Currás, diferentes actuacións xa rematadas acometidas polo Concello a través do Plan de Obras e Servizos da institución provincial correspondente ao exercicio 2012.

A primeira das obras visitadas, na que os concelleiros Luis Meijide e José María Rosende acompañaron ao presidente e ao alcalde, foi a pavimentación realizada nas vías públicas dos núcleos de A Barciela e Polveira, unha actuación que supuxo a mellora precisa nestas infraestruturas para facilitar as comunicacións deste núcleo rural. O investimento destinado para esta pavimentación ascendeu a 71.687,88 euros

O seguinte destino de visita foi a vía pública municipal M-27 en Lavacolla (Sabugueira). A obra efectuada nesta estrada consistiu na reparación de pavimentos deteriorados por diferentes motivos, entre os que destacan as inclemencias meteorolóxicas ou o aumento de tráfico sufrido na vía. Nesta ocasión, o investimento realizado foi de 65.013,37 euros.

Diego Calvo mostrouse "moi satisfeito" de poder visualizar a melloras acometidas nos concellos grazas ao plan provincial e recoñeceu que, "aínda que non son obras con grandes inauguracións, si son actuacións importantes porque supoñen a mellora, como estamos comprobando, da calidade de vida dos cidadáns".

"Eles pasan por aquí cada día e, grazas a estas melloras, agora o fan en menos tempo e con máis seguridade", dixo o presidente ante os veciños beneficiados polas obras que estaban alí presentes.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Ángel Currás, salientou a importancia dos investimentos realizados pola institución no Concello de Santiago nos últimos dous anos. "Agradezo á Deputación a súa sensibilidade con este municipio, sobre todo na colaboración de obras tan necesarias para os veciños que viven no entorno rural", asegurou o rexedor compostelán.

Estas dúas obras súmanse ao resto das incorporadas no POS 2012 co que a Deputación financiou ao Concello de Santiago actuacións por un valor total de 588.520,66 euros. Tamén se beneficiaron deste plan as vías municipais dos núcleos de Garabal, Barral e Pereiras, a de Eixo de Arriba-Pereiras, a M-14.IV en Vilar de Outeiro, a M-36.V en Arines, a de Corexo e a M-23IV en Frades.

Ademáis, o ano pasado o concello de Santiago tamén contou cunha achega provincial extra grazas ao plan DTC94 co que puido facer investimentos nos núcleos do muicipio por valor de 996.704,94 euros.

Este ano, o Concello de Santiago recibiu por parte da institución provincial un total de 587.630,86 euros dentro do POS, unha cantidade para a que xa foron aprobadas as melloras e acondicionamentos en novos lugares, parroquias e núcleos do municipio compostelán.

Plan de Competitividade Turística
Estas obras non son a única colaboración que a institución provincial realiza actualmente co concello de Santiago xa que, no último pleno celebrado na Deputación aprobáronse dous novos convenios de colaboración.

O primeiro deles tiña como fin financiar as actividades do ‘Plan de Competitividade Turística 2013’. Este plan inclúe as actividades de promoción (feiras de turismo, presentacións, redes de promoción); información turística (sinalización e acondicionamento das oficinas de información turística); a posta en marcha de accións de promoción e atención; así como o mantemento da web coa edición de contidos e estudos de demanda, a través da recollida, análise e tratamento dos datos.

A achega provincial que recolle o acordo é de 115.000 euros, o que supón o 80% do orzamento total necesario para poñer en marcha estas actividades, que ascende a 143.750 euros.

Auditorio de Galicia
A Deputación tamén colabora na capital co Auditorio de Galicia a través dunha achega de 240.000 euros ao seu programa de actividades. Grazas a este convenio, o ente, presidido polo alcalde Ángel Currás, prevé poñer en marcha este ano diversos concertos da Real Filharmonía de Galicia e da Orquesta Sinfónica de Galicia; o Ciclo de Piano Ángel Brage; o Ciclo de Lied cun programa especial dedicado ao centenario de Benjamin Britten e a canción inglesa; ou os programas de Todo Lírica, Compostela Rock, Íntimo&Acústico; Son’13 e Blues Nite.

A través dese convenio, aprobado por unanimidade no pleno de maio da Deputación, a institución provincial cubre o 80% do orzamento que o Auditorio de Galicia ten previsto para esta programación.

Compartir: