ECONOMÍA

As empresas Lau Creacións e Escompring, gañadoras do premio novo empresario e AJE Junior de Santiago de Compostela

10/07/2013 Os galardóns entregáronse nun acto celebrado na Fundación Novagaliciabanco de Santiago de Compostela. 18 empresas da capital galega optaron ao mesmo, que outorga a Asociación de Novos Empresarios Provincia da Coruña. Asistiron o alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Economía, Reyes Leis.

As empresas Lau Creacións e Escompring foron distinguidas co Premio Novo Empresario e o premio AJE Junior respectivamente, que outorga a Asociación Provincial de Novos Empresarios. O premio contou co apoio do Concello de Santiago, patrocinador institucional do galardón que impulsa o colectivo de novos empresarios e co patrocinio do IFFE Business School e DCM Asesores.

18 empresas da capital galega optaron á primeira edición dun galardón que premia o labor e o esforzo dos emprendedores e novos empresarios de Galicia. O acto estivo presidido polo alcalde da cidade, Ángel Currás; a concelleira de Economía, Reyes Leis; o presidente de AJE A Coruña, Óscar Valcuende; o director xeral do Igape, Javier Aguilera e o presidente de AJE Galicia, José Manuel Valenzuela.

O Premio Emprende Santiago é unha das primeiras actividades organizadas pola delegación na cidade que ten a Asociación de Novos Empresarios Provincia da Coruña, que nace co obxectivo de difundir a cultura emprendedora en Santiago, apoiar a creación e consolidación de iniciativas empresariais e impartir formación sobre emprendemento a toda a cidadanía.

Compartir: