SOSTIBILIDADE

Compostela contará con 5 novos parques con espazo para pequenos e maiores

10/07/2013 A concelleira da Área de Sostibilidade, María Pardo, fixo valoración en rolda de prensa dos proxectos dos seus departamentos tras dous anos de goberno. Entre eles salientou a creación de cinco novos parques, o millón de euros que se destinará á restauración da Rocha Forte ou o bo funcionamento do Rexistro auxiliar de Urbanismo.

As prazas de Galicia e de Vigo contarán en breve con dúas novas áreas de recreo para os máis pequenos que se completarán con dous espazos biosaudables para os maiores.
Na de Galicia instalaranse tres áreas de xogos por idades e mellorarase a xardinaría existente cun orzamento de 125.000 euros. No que respecta á praza de Vigo, farase unha superficie de xogos de 400 metros cadrados con estancias para maiores e de lecer, xogos para idades de 0 a 12 anos, un circuito biosaudable, auméntase a zona axardinada, constrúense accesos para persoas con mobilidade reducida e mellórase o mobilidario tamén por 125.000 euros. Segundo indicou a edil de Parques e Xardíns, trátase de dúas zonas do Ensanche infrautilizadas que o Concello quere recuperar para os santiagueses.

Non serán as únicas áreas con parque novo: tamén se construirán en Meinxonfrío, Pontepedriña, San Roque e Angrois. O departamento non se olvida do rural e instalará parques biosaudables en todas as parroquias. Para completar a actuacións nos parques, revisaranse todos os equipamentos da cidade, 72 en total.

Urbanismo

No que respecta á área de Urbanismo, María Pardo salientou o éxito que está a ter o Rexistro auxiliar, xa que o 50% dos asuntos relativos a urbanismo xa entran por esta vía no Concello. Así mesmo, lembrou a posta en marcha das ordenanzas de terrazas, de actividades ou de ascensores, adiantándose moitas veces á normativa estatal e autonómica. Neste tempo tamén se fixeron modificacións puntuais do PXOM que afectaban a solos dotacionais como por exemplo en San Miguel dos Agros ou en Carballal. No ámbito de proxectos futuros, a edila fixo fincapé na revisión do Plan Especial por importe de 452.000 euros, aportados por Xunta e Concello ao 50%.

En canto ás obras, executouse a reurbanización da rúa Virxe Branca cun orzamento de 241.000 euros dando solución a unhas demandas veciñais que se producían dende había cinco anos; vaise facer unha acutación integral no parque da Alameda, comezando polo estanque; e destinarase un millón de euros, aportados polo Ministerio de Cultura, á rehabilitación da Rocha Forte. Este último proxecto xa está adxudicado. A concelleira tamén lembrou que se está comezando a executar o plan DTC, financiado pola Deputación da Coruña, no que se inclúen obras como a restauración do arquivo de San Lázaro, as pistas polideportivas no parque Pablo Iglesias, os servizos no parque Eugenio Granell, aparcamentos en Guadalupe, viais na Sionlla, Marzo de Arriba ou Sarela, etc.

Mención especial merece o rural, onde xa se executaron todas as obras incluídas no POS 2012, exceptuando as que se financiarán con cargo aos remanentes, cun total de 500.000 euros invertidos en reforzo de firmes de viais e melloras no saneamento. En breve comezarase a contratar o POS 2013, que suporá outro medio millón de euros. Tamén se adxudicaron as actuacións de desbroce e de gabias, así como as obras no campo da festa de Nemenzo, e esta semana procederase á adxudicación dos rebacheos. Segundo indicou María Pardo van ser actuacións periódicas, xa que sempre houbo unha demanda histórica neste sentido.

Sobre o apartado de licenzas, a edila fixo fincapé en tres actuacións: as externalizacións das sancións, do sistema de medición de ruidos e o desbloqueo da situación en Romero Donallo, onde en breve se presentarán proxectos de licenzas para os primeiros edificios.

Medio Ambiente e Parques e Xardíns

Destes departamentos a concelleira destacou a intervención no vertedoiro de Aríns, así como a reapertura do Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, en Belvís, a posta en marcha do parque de Ramírez, o acondicionamento da costa da camelia, a posta en marcha dos composteiros nos parques da cidade ou a apertura das hortas de Fontiñas, con gran demanda entre os veciños. Debido a esto, a Concellería está estudando a posibilidade de facer un proxecto de hortas en Pontepedriña.

En resumo, María Pardo remarcou que mentres que o primeiro foi un ano de reestruturación e de organización, este segundo está a ser de execución, sen olvidar que quedan moitos proxectos por diante como as obras incluídas no Urbana Norte e actuacións en Castron D’ouro, Quiroga Palacios, Concheiros, Ensanche, etc…

Compartir: