ALCALDÍA

O alcalde reúnese con Gas Natural-Fenosa para urxir solucións aos problemas de cortes de enerxía na zona norte da cidade

10/07/2013 Ángel Currás recibiu na Alcaldía aos responsables de comercialización de Gas Natural-Fenosa Negocios Mayoristas da zona norte de España e tratou con eles a necesidade de que se resolvan canto antes os cortes de subministro eléctrico nalgunhas rúas da cidade. Estes trasladaranlle a cuestión aos responsables de distribución.

Os cortes veñen afectando sobre todo ás rúas Tambre, Lavadoiro, Cruceiro da Coruña e poeta Manuel María e o Concello quixo implicarse cos veciños urxíndolle á empresa a que solucione canto antes o problema. O rexedor continuará mantendo encotros cos responsables do departamento de distribución de Gas Natural-Fenosa para seguir abordando esta situación.

Tamén falaron no encontro sobre a situación do convenio que rexe o uso da parcela que Unión Fenosa ten en Galeras onde hai un edificio de titularidade municipal, que ía ser destinado a museo Ánxel Casal, e os dous edificios que se cedían ao Concello para Concellería de Facenda. O rexedor sinalou que é unha zona de grande interese municipal, xa que entronca coa Finca do Espiño, o vello hospital, etc..

Por último, Ángel Currás, comunicoulles que se vai sacar a concurso o subministro eléctrico do Concello, do que actualmente é concesionaria Unión Fenosa, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e traducila en aforro para as arcas municipais.

Compartir: