CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis de 200 rapaces divírtense e aprenden nas Mañás de Verán e de Xogo dos centros socioculturais

09/07/2013 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, visitou esta mañá os centros de Santa Marta e Conxo, e puido comprobar de primeira man o moito que están a disfrutar os rapaces participantes.

Un total de 215 rapaces están a gozar da programación matinal de verán nos centros socioculturais dos barrios de Santa Marta, Conxo, Vite e Fontiñas. Tamén nos locais das parroquias de Busto, Nemenzo, Marantes, A Gracia e Figueiras.

No CSC de Santa Marta na xornada de hoxe os rapaces participaron no obradoiro "Convertimonos en títiriteiros", construindo e manipulando eles mesmos títeres de pau para logo facer unha representación.

No CSC de Conxo, a actividade centrouse na cultura grega. Os rapaces achegáronse á escultura, con xogos e modelaxe de figuras e máscaras con arxila branca e indagaron nas lendas gregas, a través da creación de máscaras e representacións.

Desde o 1 ata o 31 de xullo estanse a desenvolver as Mañás de verán e as Mañás de xogo organizadas pola Concellaría de centros socioculturais. Desde as 10 ata as 14 horas, nos distintos equipamentos, desenvólvense variadas actividades de tempo libre vencelladas ás temáticas elixidas para este verán. "O que se busca é a conciliación para que os pais poidan deixar aos rapaces facendo moitas actividades e divertíndose" apuntou o concelleiro.

Durante este mes, todos os rapaces poderán participar ademais dunha divertida e fresca xornada no parque acuático de Cerceda, a primeira delas xa este xoves 11, na que participarán os rapaces dos centros urbanos e outra o xoves 18 na que participan os rapaces dos centros socioculturais das parroquias.

Tamén gozarán dunha xornada de encontro cos demais equipos para disfrutar dos xogos populares conducidos pola Asociación de xogos tradicionais de Compostela. Será na Casa das Asociacións de Cornes os venres 19 e 26 de xullo.

Ao remate do mes, o dia 31, os rapaces terán tamén unha mañá de festa no Csc A Gracia, como peche das actividades. Alí compartirán as experiencias vividas en cada equipo con actividades preparadas por eles mesmos.

Compartir: