TURISMO

Xapón emite selos postais da Catedral de Santiago para o seu Ano Dual

05/07/2013 Dez monumentos e paisaxes españois protagonizan a emisión filatélica conmemorativa do Ano Dual Xapón-España 2013- 2014

O templo galego resultou elixido entre máis de 500 imaxes de España polo instituto postal xaponés

A Catedral de Santiago de Compostela é un dos dez monumentos e paisaxes españois escollidos por Japan Post para ilustrar a emisión de selos conmemorativos do Ano Dual Xapón-Santiago, que se celebrará entre 2013 e 2014.

Así o deu a coñecer a Embaixada de España en Tokio, a través da súa conselleira Beatriz Marco, directora da Oficina Española de Turismo na capital xaponesa.

De acordo con Marco, co gallo da celebración do Ano de España en Xapón, Japan Post decidiu dedicar unha serie especial de selos ao evento. A embaixada ofreceulles 500 fotos da súa base de datos, centrándose no produto "cidades e cultura", e o ente escolleu as dez máis atractivas para o seu público: a Sagrada Familia de Barcelona, o Guggenheim de Bilbao, a Catedral de Santiago, o MUSAC de León, o Alcázar de Segovia, o Palacio Real de Madrid, a Mezquita de Córdoba, a Alhambra de Granada, un campo de xirasois castelán e un maceteiro de xeranios.

A emisión dos selos de 80 yens que porá a Catedral de Santiago ante os ollos de milleiros de xaponeses e coleccionistas do mundo, consta dun millón 200 mil exemplares que se adquirirán tanto nas oficinas de correos como a través da páxina web de Japan Post a partir do vindeiro 1 de outubro.

O Ano Dual España-Xapón 2013 – 2014 conmemora o IV Centenario da chegada da Embaixada Keicho, a primeira misión diplomática xaponesa a España, que partiu da rexión de Sendai en outubro de 1613 e chegou a Sevilla doce meses despois.

Os actos desta celebración comezaron para Santiago de Compostela o pasado 15 de xuño, coa presenza na cidade do príncipe Naruhito, herdeiro do Emperador do Xapón.

Compartir: