MOBILIDADE

O aparcamento de Santa Marta será gratuíto a partir do 1 de agosto

05/07/2013 O concelleiro de Mobilidade, Luis Bello, anunciou en rolda de prensa a medida, que foi aprobada polo Consello de Administración de Tussa. O aparcamento terá custe cero e estará aberto de sete da mañá a sete da tarde.

O 19 de xaneiro de 2010, a Xunta de Goberno Local acordou adscribir temporalmente a TUSSA as parcelas DEM-13 E DP-2/DI-2 do SUP-6 de Santa Marta para a implantación e xestión dun aparcadoiro en superficie de uso público, aparcamento que finalmente comenzou a operar no mes de xullo do ano 2010. Ao longo destes últimos anos, leváronse a cabo distintas campañas para a promoción do uso da instalación. Principalmente encamiñouse á primeira coroa da área metropolitana (concellos límitrofes, máis concretamente nos núcleos de Bertamiráns e Milladoiro), xa que a penetración de vehículos a través dese corredor era masiva, e a capacidade de permeabilidade da estrutura viaria complicaba a entrada, co que todo facía supoñer que unha alternativa como esta resultaría atractiva a este perfil de usuario.

Transcorridos case tres anos dende a súa apertura, observouse que tal efecto viuse minorado principalmente pola importante baixa do número de vehículos que acceden á nosa cidade a través do mencionado corredor.

Outra das campañas enfocouse ao Hospital Clínico como centro atractor e xerador de usuarios, cunha área sanitaria de preto de 400.000 habitantes. Por último tamén se promocionou a instalación na zona sur da cidade, intentando chegar a usuarios habituais da zona do ensanche e avenida de Ferrol.

Tras a análise do escaso funcionamento do aparcadoiro, en xullo de 2012 acordouse no propio consello, limitar o horario de apertura únicamente ao horario de mañá de luns a venres laborables, e apoiouse coa posta en marcha dun servizo de transporte coas seguintes liñas

1. Liña 1 do transporte urbano, o que garantía unha mobilidade directa co hospital, centro da cidade e zona norte para facelo máis "atractivo".
2. Liña C2: estación de autobuses – Fontiñas – hospitais – Vite – estación de autobuses.
3. Liña C4: estación de autobuses – Vite – hospitais – Fontiñas – estación de autobuses.

Estes servizos de transporte permiten a relación directa cos principais puntos de interese da cidade.

Novo modelo de xestión
Un dos obxectivos da empresa muncipal Tussa encamíñase a unha mellora da mobilidade en xeral, polo tanto, tras probar con diferentes campañas e diferentes solucións enténdese que na situación actual cabe a posibilidade de que, a pesar do baixo custo do aparcadoiro, este poida supoñer un atranco para a súa utilización. É por iso que se toma a decisión de aprobar a gratuídade total do aparcadoiro a partir do vindeiro 1 de agosto. O aparcadoiro permanecerá en todo momento de libre acceso en horario de 07.00 a 19.00 horas; así mesmo, colocaranse carteis informativos coas normas da instalación, avisando de que se trata dunha zona sen vixilancia e que a explanada deberá quedar libre a partir das 19.00 horas.

Diariamente, empregados de TUSSA farán rondas selectivas para vixiar que todo funcione correctamente. Unha vez máis este Concello aposta pola mobilidade e pola permeabilidade ao tráfico rodado con solucións e alternativas.

Compartir: