MOBILIDADE

A Policía Local colabora coa DGT nunha nova campaña de control de alcolemia

05/07/2013 A campaña desenvolverase entre os días 9 ao 15 de xullo na zona urbana compostelá, segundo deu a coñecer o concelleiro de Tráfico, Luis Bello, en rolda de prensa.

Como indicou o edil, o alcol está presente como factor concurrente ou desencadenante nun terzo dos accidentes mortais multiplicando por 9 o risco de sufrir un accidente de circulación. Non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun pero prognóstico nas lesións sufridas.

No último decenio, detectouse un cambio dos cidadáns, segundo a DGT, que fixo que a porcentaxe de positivos detectados descenda, pasando do 5% ao 1,8%. Non obstante, o obxectivo deste tipo de campañas é tratar de conseguir un descenso aínda maior. Con este motivo se pon en marcha esta campaña especial a semana que vén, do 9 ao 15 de xullo, na que colaborarán activamente a Garda Civil e a Policía Local de Santiago.

No que respecta aos controis preventivos realizados no ano 2012 no termo municipal compostelán, fixéronse un total de 1.252 controis, dos que 34 derivaron en denuncia administrativa, xa que pasaban de 0,25 miligramos en aire aspirado pero non acadaban os 0,60, cifra a partir da cal se produce unha denuncia xudicial. No ano pasado tramitáronse 16 deste tipo. Así mesmo, 1.202 condutores ofreceron resultados negativos. Ninguén se negou a realizar a proba.

Documentos relacionados



Compartir: