DEPORTES

A delegación compostelá que participou nos Xogos do Eixo Atlántico recibe os parabéns da Corporación

05/07/2013 Os preto de 70 participantes, entre deportistas e adestradores, foron recibidos no Pazo de Raxoi polo alcalde compostelán, Ángel Currás, e membros da Corporación.

Despois de cinco intensos días de práctica deportiva na cidade portuguesa de Guimaraes, os deportistas que integraban a delegación de Santiago chegaron á cidade e recibiron a felicitación do alcalde polo seu bo papel.

Nesta décima edición dos Xogos, Santiago participou nas modalidades de baloncesto, fútbol – 7, natación, atletismo para discapacitados e voleibol. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, desprazouse con eles ata Guimaraes para mostrarlles o seu apoio.

Con carácter bianual, os Xogos do Eixo Atlántico reúnen durante unha semana a uns 1400 mozos e mozas do norte de Portugal e de Galicia, que conviven a través da práctica do deporte. Celébranse nunha cidade do norte de Portugal ou de Galicia. Este ano a organización deste evento correspóndeulle a cidade de Guimarâes (Portugal) que acolleu aos deportistas desde o domingo 30 de xuño ata o xoves 4 de xullo, e na que participaron 23 concellos con un total de 1.300 xogadores. A competición comezou o domingo á tarde. Neste día celebrouse a cerimonia de apertura ás 18,00 horas.

Resultados acadados
En Fútbol 7 acadouse un 5º posto final ao ganar a Coruña por 4-1. Este equipo non perdeu ningún partido e só empatou na eliminatoria de ¼ de final perdéndoa nos penaltis.

En Baloncesto Masculino, décimo posto. O equipo que nos representou foi o mais xoven do torneo con 3 rapaces en idade infantil (14 anos) e só tres de 16.

As representantes do Baloncesto Feminino quedaron segundas. Foron subcampioas do torneo e só caeron diante de Coruña na final.

En Voleibol, sexto posto. Acadaron o mellor resultado da historia na participación nos xogos. En Natación, décimos. Na xeral por equipos foron 10 e individualmente a mellor posición foi de Alejandro Fernández no 7º posto. No que respecta a atletismo para persoas con discapacidade, Ramona Seijo e Jesús Cabo foron terceiros na proba de mil metros e Leopoldo Romero quedou quinto.

Documentos relacionados



Compartir: