MEDIO AMBIENTE

Santiago renova o premio "Bandeira Verde-Cidade Sostible"

22/06/2006 A concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, recolleu en Madrid o premio "Bandeira Verde-Cidade Sostible" concedido ao Concello de Santiago . A cidade renova galardón na novena edición desta iniciativa, promovida pola Federación de Usuarios e Consumidores Independentes e apoiada polo Ministerio de Medio Ambiente a través da Fundación Biodiversidade.

O premio recoñece o labor dos municipios españois que de maneira eficiente camiñan coas súas actuacións cara a sostibilidade en áreas tan diversas como a recollida dos seus residuos urbanos, o baremo das súas taxas de contaminación, a xestión municipal de recursos básicos como a auga, a promoción do aforro enerxético ou o desenvolvemento de campañas de formación, sensibilización e participación, entre outras.

O Concello de Santiago ve así recoñecida a súa aposta por criterios de sostibilidade para non por en risco o medio ambiente no proceso de crecemento urbano. Coa obtención do galardón "Bandeira Verde-Cidade Sostible", o Concello premiado dispón da acreditación ambiental por un prazo de dous anos. Este distintivo débese renovar cada ano, garantindo así o mantemento e a mellora das condicións nas que a Corporación local segue realizando as súa xestión ambiental. É o caso de Santiago, que este ano renova unha vez máis o recoñecemento obtido en 2002.

Tras nove edicións da "Bandeira Verde-Cidade Sostible", son xa 75 os concellos nos que ondea este galardón. Galicia e Andalucía son as autonomías máis premiadas, seguidas de Cataluña, País Vasco, Madrid, Valencia, Asturias, Castela-A Mancha, Murcia, Castela e León, Cantabria, Baleares, Canarias e Aragón.

Compartir: