COMERCIO

"San Pedro para vivir, San Pedro para traballar" implicou aos veciños no desenvolvemento comercial

04/07/2013 O programa, dentro do Urbana Santiago Norte, tiña por obxectivo favorecer o desenvolvemento do tecido económico local, contribuindo ao mantemento e apertura de novos comercios e negocios nos diferentes locais comerciais existentes, así como dar a coñecer o potencial e usos alternativos dos locais comerciais dispoñibles

A concelleira de Comercio, Reyes Leis, valorou os resultados do programa "San Pedro para vivir, San Pedro para traballar. Os locais comerciais libres: unha oportunidade". Tratouse dun proceso de dinamización e revitalización comercial organizado polo Concello no marco do programa europeo Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

A concelleira agradeceu a implicación de veciños, comerciantes, titulares de negocios e propietarios de locais baleiros do barrio no desenvolvemento deste programa, que tiña por principal obxectivo favorecer o desenvolvemento do tecido económico local, contribuíndo ao mantemento e apertura de novos comercios e negocios nos diferentes locais comerciais existentes na zona, así como dar a coñecer as posibilidades e usos alternativos destes espazos.

O obxectivo do Concello era contar coa colaboración dos diferentes colectivos para poder escoitar directamente as súas necesidades, traendo experiencias novidosas no aproveitamento de locais comerciais, traballando en grupo para ver como se poden poñer en consonancia os intereses de todas as persoas participantes, co obxectivo de revitalizar o barrio.
Para isto realizáronse dúas charlas: unha relacionada coa tramitación de licenzas municipais para a apertura de locais e outra sobre a optimización no aproveitamento de locais baleiros. Posteriormente tiveron lugar dous grupos de traballo: un sobre o aproveitamento dos locais como recurso para a dinamización e as oportunidades de negocio no barrio, e outro, sobre boas prácticas comerciais.

O proceso rematou cunha charla que tiña como obxectivo a dinamización do eixo comercial do barrio como exemplo de área comercial urbana e, ao seu remate, coa posta en valor de todas as achegas que se realizaron durante o proceso. Ademais, como acción de street marketing, previa concesión do permiso correspondente polos propietarios dos locais baleiros, vinilaranse escaparates dos locais baleiros coa imaxe do programa e simulando tendas virtuais. Neste momento deron permiso 10 propietarios e nalgúns locais do Barrio xa se poden ver os carteis.

Compartir: