EDUCACIÓN

Xa comezou "Alternativa Activa", un programa de apoio ao estudo nos meses de verán no centro sociocultural da Trisca

04/07/2013 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte- Servizos Sociais, en colaboración co Centro Sociocultural da Trisca puxo en marcha o programa Alternativa Activa, de apoio escolar no verán

O proxecto preséntase co obxectivo de responder ao baixo rendemento dos escolares e atender as súas necesidades educativas e sociais, preparándoos durante o verán para o vindeiro curso.

A iniciativa, totalmente gratuíta, diríxese ao alumnado de Primaria e da ESO e están inscritos 30 menores de entre 7 e 16 anos. Esta acción permitirá axudar ás familias na educación dos seus fillos e fillas, reforzando os contidos traballados durante o pasado curso

As clases de apoio escolar son impartidas polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte- Servizos sociais durante todo o mes de xullo, en horario de 10:00 a 13:30h. Nas sesións proporcionaráselle aos participantes ferramentas de aprendizaxe e de apoio escolar nas diferentes materias.

Ao mesmo tempo traballarase cos participantes aspectos tan importantes coma o respecto pola diversidade, técnicas de estudo, traballo en equipo, a responsabilidade e a organización persoal.

Esta iniciativa está incluída dentro dos Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: